Fútbol sala

A PREVIA | O camiño da salvación do Noia Portus Apostoli pasa por vencer o Barça

A escuadra noiesa quere repetir o triunfo da pasada tempada.
Os xogadores do Noia Portus Apostoli celebran un dos goles ante o Barcelona no choque da tempada pasada (Foto: Noia Portus Apostoli FS).
photo_camera Os xogadores do Noia Portus Apostoli celebran un dos goles ante o Barcelona no choque da tempada pasada (Foto: Noia Portus Apostoli FS).

No seu segundo partido no que vai de semana o Noia Portus Apostoli FS afrontará o reto de tentar repetir a sorpresa no Palau Blaugrana, fogar do actual líder e campión de Liga, o Fútbol Club Barcelona, a partir das 16.15 horas deste sábado.

A importancia dos novos conceptos técnico-tácticos estudados durante todo un mes de parada competitiva e a recuperación de efectivos lesionados quedou ben patente no choque de hai tres días fronte Osasuna Magna, onde a escuadra galega logrou imporse por goleada (7-3), obtendo así unha recompensa importante non só no moral, senón tamén no clasificatorio, pois cada vez ten máis preto saír dunha zona de descenso na que leva sumida desde o pasado ano 2023.

Lamentabelmente, no choque ante o Barça non estará o mancado Attos, pois o brasileiro tivo que ser operado a causa dunha rotura do tendón de Aquiles e causará baixa durante todo o que resta de tempada e, probabelmente, nas primeiras xornadas da seguinte.

Nunha loita tan apertada e igualada -o Portus Apostoli, penúltimo clasificado, fecha os postos de descenso con 17 puntos, os mesmos que o seu máis inmediato predecesor na táboa, Ribera Navarra, e dous menos que o Peñíscola (19)-, a formación noiesa tratará de repetir o épico triunfo da tempada pasada no coliseo blaugrana. 

A esa meta poden contribuír as baixas de importancia coas que contan os culés, pois non poderán dispor de Pito, Dyego, Ferrao e Álex, mais si de Catela -recuperado da súa lesión- e o Búfalo, Sergio Lozano, o capitán, quen aos seus 35 anos vén de superar a súa cuarta lesión de gravidade no seu xeonllo dereito, un "pesadelo", nas propias palabras do lendario futbolista, que ten como protagonista o seu ligamento cruzado anterior. 

Comentarios