Laxeiro e outros artistas visten de celeste co gallo do centenario

O clube olívico presenta a exposición '100 anos de RC Celta. Gol e Arte'.
A exposición é no Museo do Mar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A exposición é no Museo do Mar. (Foto: Nós Diario)

Chega o primeiro grande evento cultural do Centenario do Real Club Celta de Vigo. O Museo do Mar acollerá desde o próximo día 23 de xaneiro, e durante varias semanas, a exposición 100 anos de RC Celta. Gol e Arte, que permitirá gozar dunha exclusiva selección das obras de grandes pintores galegos que o club foi coleccionando durante anos.

Deste modo, a mostra será inaugurada xusto sete meses antes da celebración do nacemento do club, concretamente ás 18.30 horas do antedito 23 de xaneiro, segunda feira, e estará integrada por unha trintena de obras de artistas plásticos da Galiza como Laxeiro, Antón Pulido, Xaime Quesada, Leopoldo Varela, Lodeiro ou Antonio Quesada, entre outros.

O club informou a través das súas canles oficiais que porá ao dispor das súas aboadas e aboados un número limitado de invitacións para asistir á exposición, un acto no que se ofrecerá unha explicación detallada de cada unha das obras incluídas, facendo tamén un chamamento a que cursen a súa solicitude na web oficial do centenario.

A maiores, con 100 anos de RC Celta. Gol e Arte, o Museo do Mar e  Real Club Celta e a súa Fundación estabelecen lazos de colaboración para o futuro, quedando patente unha vez máis a súa vocación de fomentar a cultura no seu territorio", apuntou nun comunicado a entidade celeste.

Comentarios