RC Celta

Mouriño confirma que o madrileño C. Tangana fará o himno do centenario

Atrás quedarían nomes propostos polo celtismo como Keltoi ou A Roda, autores do himno actual.
O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, e o cantante madrileño C. Tangana. (Fotos: Europa Press)
photo_camera O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, e o cantante madrileño C. Tangana. (Fotos: Europa Press)

Xa é oficial... ou case. O presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, confirmou esta segunda feira nunha entrevista concedida ao xornal Marca que o cantante madrileño Antón Álvarez, coñecido artisticamente como C. Tangana, será o encargado de pór letra e música ao himno do centenario.

Preguntado polas "sorpresas" que o clube prepara de cara a esa data tan sinalada —o 23 de agosto de 2023—, Mouriño deuno por feito: "Alén do himno de C. Tangana montamos unha comisión para ver que quere facer a afección".

Referíase á canle de comunicación que o Celta activou a comezos deste ano e na que moitos e moitas seareiras celestes subliñaron nomes como A Roda —autor do himno actual— ou Keltoi —grupo vigués que deu letra a outros himnos populares como 1923 ou Unhas cores, un sentimento—.

Tamén se propuxeron como autores da nova canción celtistas declarados como Siniestro Total —que este sábado se despediu dos escenarios de forma definitiva— ou Evaristo Páramos, vocalista de La Polla Records.

C. Tangana publicara o pasado ano un vídeo nas súas redes sociais no que falaba da "ilusión" que lle faría escribir a letra do novo himno.

Porén, após este anuncio —que a pesar de saír de boca de Mouriño aínda non ten confirmación oficial por parte do clube— deixa no ar unha pregunta que inquieta o celtismo: será o himno en galego?

O Celta vén advertindo nas últimas datas que quere que a nova canción corra a conta dun ou dunha artista "con proxección internacional", como sería o caso de C. Tangana, e, malia que cómpre esperar que a letra sexa en lingua galega, falta confirmar esta cuestión.

Comentarios