Burela e Navalcarnero reeditan o gran clásico do fútbol sala estatal

Ambos os xigantes medirán forzas o domingo na Galiza.
O Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero é o gran clásico a nivel estatal desde hai máis de 10 anos. (Foto: RFEF).
photo_camera O Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero é o gran clásico a nivel estatal desde hai máis de 10 anos. (Foto: RFEF).

A  Primeira División de Fútbol Sala, a categoría deportiva estatal por equipos con maior representación do país, pois participan até seis equipos sobre o total de 16 que a integran, regresa esta fin de semana, e faino co duelo máis atractivo que pode ofrecer: Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero.

Este novo capítulo do gran clásico do deporte -como acredita o feito de que unha ou outra escuadra monopolicen todos os títulos de Liga, Copa e Supercopa desde 2012, coa única excepción do torneo do KO que gañou o Ourense en 2017- vivirase a partir das 13 horas do domingo en territorio burelá.

Alí, o conxunto laranxa, sólida líder con 56 puntos e aínda invicto despois de disputar 20 partidos, buscará continuar o seu camiño triunfal sobre un Navalcarnero que é terceiro a 11 de distancia do Pescados Rubén.

Derbi Viaxes Amarelle-Ourense OnTime

Deixando a un lado ao Burela, tamén pugna polo protagonismo da xornada un derbi galego entre dous equipos da zona media da táboa: Viaxes Amarelle da Coruña e Ourense OnTime (Sagrada Familia, sábado, 18 horas). 

O cadro coruñés, décimo segundo, vén de perder os seus últimos dous partidos, ambos disputados lonxe da súa pista, nos que, con independencia do resultado deixou unha boa imaxe que tratará de materializar fronte un Ourense que viña encadeando vitorias até que o Raio Maxadahonda foi quen de frealo a pasada fin de semana.

Pola súa parte, o FSF Castro Bloques Cando ten por diante un importante reto a domicilio ás 20 horas do sábado fronte un Melilla Torreblanca xa consolidado na segunda posición da táboa, un desafio de non menor magnitude que o que afrontará o Poio Pescamar -quinto- co Arriva Alcorcón -cuarto- ás 16 horas do sábado 

Comentarios