Burela e O Castro xa coñecen os seus rivais na Copa da Raíña

O torneo terá lugar entre o 12 e o 14 de abril
O sorteo levouse a cabo na sede da RFEF. (Foto: RFEF).
photo_camera O sorteo levouse a cabo na sede da RFEF. (Foto: RFEF).

A Copa da Raíña de Fútbol Sala é unha competición na que, con perdón da redundancia, a Galiza rexe con man de ferro. Non por nada, o Pescados Rubén Burela foi o campión das cinco últimas edicións, iniciando en 2019 un dominio que ninguén semella ser quen de cuestionar. 

Pero é que, ademais da formación laranxa, Ourense Envialia (2017), o propio Burela (2013) e o desaparecido Sal Lence da Coruña (1997 e 1995, sendo esta última a primeira edición do torneo) contan no seu palmarés cun título que a piques estiveron de levantar -pois chegaron á finalísima- a formación da mariña en tres ocasións máis (2015, 2016 e 2018) e o Poio Pescamar no ano 2020.

Continuará este dominio da Galiza no 2024?  O camiño non será fácil, pois o sorteo levado a cabo na madrileña sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) determinou que a ruta cara o sexto título consecutivo do Burela comece ante o seu eterno rival e o outro gran candidato a facerse co triunfo final, o Atlético Navalcarnero.

De saír vitorioso deste choque de cuartos de final, programado o 12 de abril nun horario aínda por determinar, o Burela podería protagonizar unha semifinal netamente galega fronte o outro representante do país na competición, o FSF O Castro Bloques Cando, que medirá forzas na primeira fase ante o Futsal Alcantarilla murciano.

No outro lado do cadro agardan Arriva Alcorcón e MRB Móstoles e MCD Torreblanca Melilla-AE Les Corts UBAE, de onde saírá o segundo finalista, nun partido que se desenvolverá o domingo 14 de abril na -ao igual que o resto de encontros da Copa da Raíña- localidade andaluza de Alhaurín De la Torre.

Comentarios