Fútbol sala

A PREVIA | Burela e O Castro, a pola Copa da Raíña

Ambas formacións galegas poderían colidir nas semifinais.
Sousa, do Castro, controla o balón no choque co Alcantarilla. (Foto: RFEF).
photo_camera Sousa, do Castro, controla o balón no choque co Alcantarilla. (Foto: RFEF).

A Copa da Raíña de fútbol sala, un trofeo que levantaron até catro equipos galegos diferentes (Sal Lence Coruña, Club Deportivo Ourense, Ourense Envialia e Pescados Rubén Burela) regresa esta sexta feira con dous conxuntos do país en liza: a antedita formación mariñá, vencedora das cinco últimas edicións, e o FSF O Castro Bloques Cando. 

O certame desenvolverase integramente na localidade andaluza de Alhaurín De la Torre, onde outras seis escuadras protagonizarán até o domingo, 14 de abril, tres xornadas de intensa competición nas que se xogarán sete partidos.

Con toda lóxica, o favoritismo recae no Pescados Rubén Burela, que de conseguir facerse de novo co título alcanzará o Futsi Atlético Navalcarnero como o máis galardoado da historia do torneo (7). Non obstante, a entidade madrileña venderá cara a súa pel, pois a sorte quixo que colida coa galega nuns cuartos de final programados ás 19 horas no Polideportivo Municipal O Limón.

O bloque laranxa, actual líder da fase regular da Primeira División con 68 puntos, aínda non sabe o que é a derrota, e conta, ademais, co aval que lle deu o seu recente triunfo sobre o seu rival copeiro por 6 a 3 na xornada 21.

Pero o Navalcarnero venderá cara a súa pel. Sabedor de que nunha eliminatoria a partido único todo é posíbel, o segundo na competición da regularidade demostrou na rolda de oitavos de final co seu contundente triunfo sobre o STV Roldán (1-5) que é capaz de todo. 

Neste sentido, o preparador do Burela, Julio Delgado, manifestou deste compromiso de cuartos de final -que poderá seguirse ao vivo pola canle pública Teledeporte- que a pesar de chegar "moi ben", a baixa de Caridad na porta e o bo estado do Futsi anticipa "un encontro difícil e moi axustado".

De superar a eliminatoria, o Burela podería protagonizar unha semifinal 100% galega co FSF O Castro Bloques Cando, mais para iso a formación da Terra Chá está obrigada a pasar por enriba do LBTL Futsal Alcantarilla (16.30 horas) nun choque no que non é favorita, pois no seu duelo na Liga impuxéronse as murcianas por 4-1.

Esa hipotética semifinal Burela-O Castro tería lugar ás 20 horas do sábado, mentres que a finalísima está prevista para as 21 horas do domingo 14 de abril.

Máis en DEPORTES
Comentarios