Fútbol

Borja Iglesias celebra a Bundesliga coa ollada posta no seu futuro

O 'Panda' non foi convocado ante o Werder Bremen. Porén, iso non impediu que dianteiro galego celebrase o título de liga.
O dianteiro compostelán Borja Iglesias (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera O dianteiro compostelán Borja Iglesias (Foto: AFP7 / Europa Press).

Borja Iglesias chegou no pasado mercado de inverno ao Bayer Leverkusen procedente do Betis. Desde aquela, o compostelán non gozou de moito protagonismo na escuadra xermana dirixida polo adestrador vasco Xabi Alonso.

De feito, ante a volta aos terreos de xogo do seu compañeiro Victor Boniface despois dunha baixa de longa duración, Iglesias non foi convocado para o último xogo. Porén, iso non impediu que dianteiro galego celebrase o título de liga.

O Leverkusen alzouse cunha vitoria por cinco goles a cero contra o Werder Bremen, unha tormenta anotadora que permitiu ao equipo das aspirinas alzarse matematicamente coa Bundesliga, a primeira que gaña este equipo.

Unha escuadra que, ademais, non coñece a derrota, e que ten por diante agora o reto de culminar a competición doméstica de forma invicta. Resta cinco partidos máis para que remate a competición, nos que os de Xabi Alonso xóganse engrandecer aínda máis a súa xesta.

Aínda que só disputou 231 minutos repartidos en seis encontros desde a súa chegada ao Bayer Leverkusen, Borja Iglesias, de 31 anos, afirmou este domingo estar "moi feliz" no conxunto xermano, algo que fai entrever que o galego non tería problema en continuar en Alemaña.

"É impresionante a oportunidade que tiven de estar aquí, de compartilo con este grupo, que é moi especial, e con este míster. Son moi feliz", sinalou o dianteiro compostelán, que tivo palabras de agradecemento para Xabi Alonso por apostar por el.

"É difícilexplicalo. A Xabi agradézolle moito o seu trato desde que cheguei, porque me integrou no grupo desde o principio e síntome moi afortunado de estar con el. Máis aló dun adestrador histórico, sendo unha superestrela, é un gran tío e alégrome de todo o bo que lle pase. É un luxo compartir vestiario con el", apuntou Iglesias.

"Desde que cheguei deime conta que o grupo tíñao claro, quería pelexar polo título sabendo a dificultade que entrañaba e conseguilo é unha tolemia, estamos moi contentos", sinalou o 'Panda', que goza da oportunidade de loitar por dous títulos máis, pois o Bayer disputará a final da DFB Pokal ante o Kaiserslautern e está moi perto de chegar á final da Europa League.

O Bayer Leverkusen e o Betis  chegaron a un acordo para unha cesión do galego polo que restaba de tempada con opción a compra no verán por oito millóns de euros. Con contrato co conxunto sevillano até 2026, semella que 'Panda' preferiría recalar no conxunto das aspirinas, mais está por ver se a escuadra alemá está disposta a realizar o investimento necesario.

Máis en DEPORTES
Comentarios