Barro entra no circuíto de carreiras de montaña

Os e as corredoras deberán superar "O Inferno de Perdecanai".
O evento será o 17 de decembro. (Foto: Concello de Barro).
photo_camera O evento será o 17 de decembro. (Foto: Concello de Barro).

O Concello de Barro prevé acoller máis de 300 ciclistas de montaña o 17 de decembro co gallo da edición inaugural da BTT Camiños de Barro, unha actividade na que o Goberno municipal leva meses traballando e para a que contará coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo (FGC) e o Club Ciclista Ribadumia, entre outros.

O percorrido terá o Pazo da Crega como punto de inicio e chegada dun circuíto circular de algo máis de 40 quilómetros e 1.200 metros de desnivel positivo acumulado, nun trazado deseñado para transitar por distintos lugares e parroquias de Barro no que o monte Acibal será un dos grandes protagonistas.

Alí agarda polos e polas participantes unha sorpresa en forma de cronoescalada de 600 metros nun segmento coñecido como "O Inferno de Perdecanai", que promete ser chave para a clasificación final.

Por outra parte, desde a organización destacan que tamén haberá "unha opción máis curta e con menos desnivel" para os e as corredoras "que non queiran facer a modalidade longa".

As inscricións, que xa están abertas, deberán formalizarse a través da páxina da FCG, onde tamén se pode consultar o regulamento dunha proba que, como salientou o concelleiro de Deportes da localidade, Iván Bello,  "ten unha magnitude nunca alcanzada no Concello de Barro".

Comentarios