Balonmán

Ismael Martínez (BM O Porriño): "A madurez deportiva é a chave do éxito do equipo"

Ismael Martínez (Cangas, 1983) é o adestrador do Conservas Orbe Rubensa Porriño, a gran sensación do balonmán feminino estatal. Despois de varios anos sufrindo para acadar a permanencia, comerán as uvas na zona nobre da táboa, logrando con todo merecemento o cualificativo de "equipo revelación".
O preparador galego procede do Atlético Novás. (Foto: Xoel Gil-Balonmán O Porriño).
photo_camera O preparador galego procede do Atlético Novás. (Foto: Xoel Gil / BM O Porriño)

—A pesar da súa xuventude conta cunha ampla experiencia no balonmán. Como foi a primeira toma de contacto con este deporte e que o levou a interesarse por converterse en adestrador?
O balonmán é o deporte representativo da miña vila, Cangas, e ademais o meu irmán tamén xogaba, así que comecei a practicalo, aínda que tarde, porque na miña época non se podía xogar tan de cativo como agora. Gustoume tanto que decidín quedar con el para sempre, até que nun momento dado tiven que decidir entre seguir xogando ou adestrar e non o dubidei, porque na pista dera o meu máximo, así que decidinme a probar como técnico. 

—Tras formarse nas categorías inferiores do propio Balonmán O Porriño e no absoluto do Novás, Abel Estévez cedeulle o bastón de mando para facerse cargo do primeiro equipo feminino no verán do 2019. Que sentiu naquel momento ao recibir esa chamada chave na súa vida?
Tiven que tomar unha decisión que non era nada sinxela, escollendo entre continuar nun proxecto no que estaba contentísimo e no que me sentía súper arroupado e súper querido,  ou dar o salto a outro no que xa estivera antes e que tamén sabía que ía estar ben e que o proxecto tamén era serio. Finalmente decanteime polo Porriño, e moi contento, tamén por saber que tería a oportunidade de traballar con rapazas ás que eu coñecía desde que as dirixira sendo unhas nenas, na categoría infantil, a algunhas incluso en alevíns, e a verdade é que iso sempre tira, foi un incentivo. 

—Desde entón, ano tras ano, o equipo conseguiu evitar o descenso, non sen sufrimento. A pesar do cal vostede, sempre ambicioso nas súas declaracións, lembraba que o do Porriño era un proxecto a longo prazo, cousa na que, visto o rendemento e os resultados que está a obter o equipo esta tempada, semella que tiña razón. Como mantivo a fe durante os malos momentos, que non foron poucos?
Con confianza. É a única forma de falar de proxectos a longo prazo, porque vivimos momentos moi duros. Todos e todas tivemos moitas dúbidas de que as cousas estivesen saíndo como queríamos, pero ao final demos ese pasiño adiante que, quizais, foi un pouquiño lento, porque debía ter sido o ano pasado, pero todo é cuestión de ter tranquilidade, confianza, e de que as xogadoras adquiran a suficiente madurez deportiva, que agora mesmo xa teñen.

—Falando de malos momentos, na súa primeira tempada, co equipo de penúltimo clasificado, irrompeu a pandemia da Covid-19. Que lembra deses tempos inzados de incertezas?
Iso foi o peor, sen dúbida, especialmente por iso que sinalas, a incerteza, o que non depende de un mesmo sempre é o que peor se leva. Pasamos por momentos de moitas dúbidas, escoitamos rumores de que incluso podería chegar a haber descensos administrativos... foi todo un caos e, efectivamente, o peor momento que vivimos desde que eu estou á fronte do club. 

—Retomando o foco á presente tempada, o equipo está gozando dunhas moi merecidas vacacións de Nadal durmindo na zona nobre da clasificación, concretamente no terceiro posto. Que cambiou dos anos anteriores a este para dar un salto de calidade que resulta innegábel?
Principalmente esa madurez deportiva da que falaba antes. Quizais a xente que se incorporou chegou cunha confianza cega no proxecto e ese cambio de ir todas a unha e tendo claro a dirección na que hai que ir notouse. Pode que nos últimos anos houbera máis dúbidas e hoxe esteamos todas moito máis aliñadas.

A Copa da Raíña, un soño para o Porriño

Cuestionado sobre cal sería a súa maior ilusión como adestrador do Balonmán O Porriño, Ismael Martínez responde sen dubidar: "A Copa da Raíña". "Todas temos unha grande ilusión por ese torneo, unha competición curta na que podemos ser competitivas e pelexala ao máximo", indica o preparador cangués, quen explica que "a Liga, sendo realistas, é moi complicada, porque hai equipos que a tantos partidos non fallan, pero na Copa temos xogadoras para dar sorpresas".

Movendo o foco a esa competición da regularidade, Martínez afirma rotundamente que a única meta a día de hoxe é "eludir o play-out". "Para iso temos que rematar entre as sete primeiras; unha vez que consigamos iso, e agora mesmo temos unha boa posición para logralo, pero nada definitiva, comezaremos a pensar noutras metas, e canto máis arriba, mellor".

Comentarios