O Porriño di adeus a 2022 desafiando o Bera Bera

Segundo contra terceiro para rematar o ano.
A pasada tempada O Porriño rañou un meritorio empate. (Foto: BM O Porriño)
photo_camera A pasada tempada O Porriño rañou un meritorio empate. (Foto: BM O Porriño)

O Pavillón Municipal do Porriño acolle a partir das 20.30 horas de hoxe un encontro correspondente á novena xornada da Liga Guerreiras, a máxima categoría do balonmán a nivel estatal, entre as locais do Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño e Súper Amara Bera Bera.

As vascas son, ademais das vixentes campioas -e grandes dominadoras do torneo desde hai 10 anos, período no que gañaron oito títulos-, son segundas na táboa clasificatoria con 14 puntos, os mesmos cos que conta a escuadra do sur da Galiza e que sitúan a ambos equipos a dous do líder Rocasa Gran Canaria.

O Súper Amara Bera Bera chega, a maiores, cun plus engadido de moral após gañar a Supercopa de España ante o Costa do Sol Málaga pola mínima (25-26) este pasado domingo, 18 de decembro, mais iso tamén supón un extra de cansazo que podería chegar a ser determinante.

No referente á Liga Guerreiras, curiosamente o último encontro que disputou o combinado con base en Donostia foi o ouro representante da Galiza na elite do balonmán feminino, un Atlético Guardés que non puido facer nada ante o poderío do antigo Corteblanco Bidebieta e perdeu 27-23.

Mellor lle foi ao Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño no seu último compromiso, pois a pesar de sufrir máis do que indica o resultado, foi quen de vencer o Sporting Grafometal A Rioxa no partido adiantado da xornada 10.

Ao ser o último partido do 2022, e dadas as condicións nas que se atopa o equipo galego en Liga, o adestrador do Porriño, Ismael Martínez destacou na rolda de prensa previa que para el este é un choque "que hai que gozar en moitos sentidos "é un partido para gozalo e gozar, porque ninguén podía imaxinar estar nunha situación como esta ao principio da Liga", razón pola cal agarda "poder sacar os dous puntos na casa para superar na clasificación o Bera Bera e así fechar un ano que está a ser fantástico".

Ao analizar o encontro de hoxe, Martínez recoñecía tamén unha pequena vantaxe por ter "máis tempo para preparar o partido" que o seu adversario, pero quixo matizar que iso non quere dicir moito ante unha escuadra vasca "que é das mellores da categoría e leva moitos anos facendo as cousas ben".

Comentarios