O Porriño quere continuar medrando a costa do Xixón

Batalla no alto da Liga Guerreiras de Balonmán.
O conxunto galego emerxe no segundo posto con 16 puntos. (Foto: Xoel Gil)
photo_camera O conxunto galego emerxe no segundo posto con 16 puntos. (Foto: Xoel Gil)

Este sábado 21 de xaneiro, ás 19 horas e en territorio asturiano, enfrontaranse o local Motive.Co Xixón e o Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño nun encontro correspondente á duodécima xornada da Liga Guerreiras.

En canto ao conxunto xixonés, na última xornada enfrontouse a Grafometal A Rioxa con resultado de vitoria para o rival do Porriño por 23-24, grazas á que ascenderon até o quinto posto da clasificación xeral con 12 puntos en total.

Pola súa parte, a escuadra galega impúxose ao Rocasa Gran Canaria (22-25), converténdose así na primeira que o derrota en territorio insular. Con este triunfo, a entidade porriñesa empatou coa canaria na segunda posición, sumando ambas 16 puntos.

O precedente máis inmediato dun choque entre Motive.co Xixón e O Porriño tivo lugar na xornada inaugural da Liga Guerreiras no Pavillón Municipal do Porriño, nun partido disputado a primeira fin de semana de setembro e no que as asturianas sorprenderon pola mínima o equipo do sur da Galiza, vencendo por un resultado final de 26 a 27.

Por todo isto, o adestrador do Rubensa, Ismael Martínez, considera que o do sábado será "un partido dificilísimo contra un rival que está en cuartos de final en competición europea e que vén de facer unhas tempadas excepcionais".

"É un equipo que evolucionou e mellorou ao longo da primeira volta. Teñen xogadoras experimentadas e de moita calidade, como Marizza, e xente moi nova como Laguna ou Carmen Arroyo", engadiu Martínez, que concluíu prognosticando que a chave do duelo estará "na defensa, en especial no pivote".

O Cangas ficha o vasco Asier Iribar

Cambiando o balonmán feminino polo masculino, o Cangas oficializou esta cuarta feira a súa primeira incorporación do 2023. Trátase do vasco Asier Iribar, internacional en categorías inferiores de 1,91 metros de altura e que chega en calidade de cedido do Bidasoa para cubrir a baixa do mancado Santi López, que rompeu o cruzado en decembro.

Precisamente de Cangas é Rodrigo Corrales, único representante galego no combinado estatal nun Mundial no que se estreou na noite desta cuarta xogando ante Polonia.

Comentarios