O bádminton sénior decide as mellores raquetas galegas

O Campionato da Galiza da categoría maior decorrerá este sábado en Curtis, na comarca das Mariñas 
Santiago Freire e Dolores López (CB Cedeira) en Oleiros (Foto: Javier Cartón).
photo_camera Santiago Freire e Dolores López (CB Cedeira) en Oleiros (Foto: Javier Cartón).

Esta fin de semana chega a Teixeiro, no municipio de Curtis (comarca das Mariñas) o Campionato Galego Sénior de bádminton. As mellores raquetas da Galiza desta categoría, que reúne deportistas de 30 até 75 anos, daranse cita hoxe no Pavillón Polideportivo a partir das 10 horas. 

Desde a organización, a cargo do CB Hydra, o seu responsábel, Javier Cartón, explica a Nós Diario que se inscribiron 70 deportistas de toda Galiza. Para a ocasión dispuxéronse sete pistas onde terán lugar os encontros individuais femininos, masculinos e tamén os dobres mixtos. Neste campionato confirmaron a súa presenza case todos os nomes representativos do bádminton sénior, mesmo algunhas medallas a nivel internacional. 

É o caso de Ilda Martínez ou José Ramón Quiroga. Tamén competirá en Teixeiro Teresa Vázquez e Montse Sánchez, actuais campioas de España, "unha das mellores parellas que podemos ver hoxe en día", afirma o responsábel do CB Hydra. Á lista, Cartón engade María Luisa Lavalle, que tamén estivo no Campionato do Mundo que decorreu na cidade andaluza de Huelva en novembro de 2021.

Animando o bádminton

O CB Hydra leva catro anos difundindo na parroquia de Teixeiro este deporte. O club instalouse na vila de Teixeiro en 2019 e contou de inicio coa proposta de incorporar persoas de todas as idades, desde nenas e nenos de só 7 anos até maiores de 60 anos. "Todos temos a mesma afección, o bádminton", confirma Cartón. 

A entidade contou, de inicio, con  máis de 100 socias e socios, e un total de 60 deportistas, "todas e todos con ansia de aprender e mellorar día a día". Con moita paixón conseguiron ser  a  primeira entidade do Concello de Curtis en deporte feminino e a de maior número de deportistas en Teixeiro participando en deporte escolar e federado.

Cartón, que tamén competirá hoxe, recoñece que nun curto espazo de tempo xa se conseguiu "animar sesenta deportistas de todas as idades que se asociaron e teñen licenza para competir, este deporte engancha", exclama.

Namorado do bádminton, este deportista cre que esta disciplina ten algo de especial que logra que se interesen nel "persoas de todas as idades, igual por ver como un volante pode conseguir velocidades de até 300 quilómetros por hora, aínda que no noso caso sexa un pouco menos", sinala.

Comentarios