Fútbol

A PREVIA | O Dépor podería ascender nun Bilbao aínda de festa

Se gaña ao Athletic B e perde o Espanyol, o feminino branquiazul volverá á elite estatal.
As xogadoras do Deportivo da Coruña, como Henar na imaxe sobre estas liñas, queren voar alto, e canto antes, ao fútbol profesional. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera As xogadoras do Deportivo da Coruña, como Henar na imaxe sobre estas liñas, queren voar alto, e canto antes, ao fútbol profesional. (Foto: RC Deportivo).

As matemáticas din que o Real Club Deportivo da Coruña podería regresar este sábado á máxima categoría, case tres anos despois do doloroso descenso de 2021. Porén, a lóxica rebaixa a euforia, pois as posibilidades reais de que o feminino branquiazul certifique esta fin de semana a súa estrea no profesionalismo -durante a súa anterior etapa na elite a liga aínda non ostentaba esa condición- son moi escasas.

O motivo é que non depende de si mesmo. En primeiro lugar, e esta é a parte máis accesíbel da ecuación, debe superar o filial do Athletic nun Bilbao aínda de celebración a causa da recente Copa de Rei gañada polos varóns do zurigorriak, o seu primeiro título en 40 anos.

Programado ás 18.45 deste sábado en Lezama, a mala clasificación das leoas -penúltimas- e o positivo precedente do partido de ida -no que as herculinas venceron por un contundente 4 a 2- convidan ao optimismo. 

Non obstante, todo está condicionado ao que aconteza no Espanyol-Madrid B das 16.30. O conxunto catalán, que está a catro puntos do galego cando restan nove por disputar, debería ter un moi mal día para perder fronte un fechacancelas que só leva 11 puntos en todo o campionato, mais o empate que asinaron en decembro pasado deixa aberta unha pequena fiestra á esperanza.

Con todo, se o xogo discorre segundo os patróns da normalidade, o anhelado ascenso herculino deberá agardar ao Deportivo-Cacereño da seguinte xornada, que a Federación decretou que se levase a cabo con horario unificado o 21 de abril para evitar que se adultere a competición, e no que as futbolistas do Real Club Deportivo deixarán por un día Abegondo para dar o salto a un Riazor que podería rexistrar a mellor entrada da súa historia para un encontro feminino.

O Teruel, boa opción para sumar os tres puntos

Cambiando ao fútbol masculino, mais sen deixar a un lado a elástica branquiazul, os pupilos de Imanol Idiakez viaxan até Teruel para seguir afianzando a súa vantaxe como líderes da Primeira Federación.

O choque, previsto ás 20 horas deste sábado no Estadio da Pinilla, esconde moito máis perigo do que indica a situación como antepenúltimo do seu rival, pois alí sorprendeu recentemente Irún, Maxadahonda ou Cornellà.   

Precisamente ante esta escuadra catalá abrirá a trixésimo segunda data un Arenteiro que aínda soña con conseguir coarse nuns postos de play-off que albisca a oito puntos de distancia e aos que, de non derrotar os da periferia de Barcelona, dirá adeus de forma practicamente definitiva, como xa fixo o Club Deportivo Lugo, que fica separado da promoción por 13 puntos. Curiosamente, crer nun hipotético ascenso albivermello semella unha cuestión de fe... nas matemáticas, que polo momento avalan esa posibilidade.

Mañá, ás 19 horas e con Balaídos como escenario de excepción, os da cidade da Muralla teñen un match ball, xa que fechan a xornada da terceira categoría cun derbi galego fronte o Celta Fortuna, cuarto na táboa.  

O Rácing de Ferrol recibe o Huesca na Malata

Movendo o foco á Segunda División, a pesar da irregularidade que vén caracterizando os seus resultados desde que comezou o presente ano 2024, o Rácing de Ferrol aínda está en disposición de dar a sorpresa e rematar a tempada en play-off, pois cos seus 51 puntos está a tan só dous do Santander, que fecha esa zona de privilexio.

Pero para iso resulta imperioso que continúe acumulando triunfos como local, tal e como leva facendo nos seus dous últimos partidos na casa, e supere un Huesca (mañá, 21 horas) que venceu 0-4 na súa anterior visita ao coliseo ferrolán.

Máis en DEPORTES
Comentarios