A débeda do fútbol alcanza os 4.000ME

A burbulla do fútbol alcanza os 4.000ME, en forma de débeda, e pode estourar en calquer momento. Os dados púxoos sobre a mesa, na súa comparecencia perante o Congreso, o presidente do Consello Superior de Deportes, Miguel Cardenal. O BNG, por boca de Rosana Pérez, denunciou que no último semestre a débeda dos clubes coas administracións públicas só se reduciu en 150ME.

fútbol
photo_camera fútbol

Nos últimos seis meses, a débeda do fútbol profesional coas administracións públicas (basicamente Axencia Tributaria e Seguridade Social) apenas minguou o 8 por cento, arredor de 150ME, denunciou Rosana Pérez.

Trátase dunha redución moi cativa, afirmou a parlamentar nacionalista, sobre todo téndomos en conta que "a cidadanía vive asfixiada polos recortes e non poden desfrutar de aprazamentos nen moratorias nos seus pagos nen nas súas débedas”.

Rosana Pérez mostrouse "escandalizada" perante os dados oferecidos polo presidente do Consello Superior de Deportes, "sobre todo no día de hoxe cando coñecemos que o sector naval galego vai ter que devolver as bonificacións fiscais pola aplicación do anterior Tax Lease".

A deputada do BNG acusou o Goberno estatal de ser "laxo" co mundo futbolístico no que atinxe ás súas débedas, mentras “aplica toda a carga sobre a cidadanía a quen non se lle permite o máis mínimo aprazamento” nas súas obrigas de pagamento.

REDUCIR A DÉBEDA EN 1.000ME

Por súa parte, o presidente do Consello Superior de Deportes informou de que o obxectivo da administración é conseguir unha redución da débeda no entorno dos 1.000ME nun plano de saneamento que se prolongaría até o 2016.

Comentarios