Xoán Piñón: "Doa nunca foi un grupo comercial, a fórmula da nosa lonxevidade é que a banda non ten dono"

Este sábado o Teatro Colón da Coruña acollerá a actuación de Doa. Será o último concerto do ciclo 'Pioneirxs da Música Galega', que organiza o departamento de Cultura da Deputación da Coruña. Doa homenaxeará a Xaquín Blanco, integrante durante anos da banda e falecido hai tres anos, e interpretará en directo O son da estrela escura (1979), o seu primeiro disco. Un dos fundadores, Xoán Piñón, conversa con Nós Diario sobre a historia do grupo.

O músico Xoán Piñón estará este sábado no Teatro Colón (A Coruña) xunto ao resto de membros de Doa (Foto: Xoán Piñón).
photo_camera O músico Xoán Piñón estará este sábado no Teatro Colón (A Coruña) xunto ao resto de membros de Doa (Foto: Xoán Piñón).

Como lembra o nacemento de Doa?

A finais dos 70 un grupo de músicos, Enrique Ferreira, Miro Casabella, Eduardo Martínez máis eu, formamos o grupo Doa. Tamén con Xosé Quintas fixemos outro grupo de estudo da música popular e medieval galega que se chamaba Malvís. Redactamos un documento con todos os temas a recompilar e estudar e de aí nace O son da estrela escura, que se grava en 1979.

A intención era recoller o que había nos cancioneiros populares, as Cantigas de Santa María, as de Martín Códax que, por certo, son uns documentos extraordinarios, dos máis antigos que hai en Europa. Nós fomos os terceiros que gravamos esas pezas de Martin Códax no mundo. 

Foi unha época  cun ambiente no que se desenvolvía unha actividade de tocar, de estudar, de ir aos centros onde se gardan os cancioneiros, como é a Real Academia Galega, e aproveitar outros como o Cancioneiro de Casto Sampedro. E ese disco, como di o manifesto que o acompañaba, é unha pequena escolma de diferentes estilos baseados no Camiño da Vía Láctea e no de Santiago. 

Sempre collemos as pezas dunha maneira propia, para interpretar o que había, e esa interpretación fixémola sempre dunha maneira libre. Hai que ter en conta que os que estabamos na formación orixinal viñamos de estilos moi distintos. Bernardo e máis eu, por exemplo, estabamos no mundo do rock e da música experimental. Cando se xuntou ese núcleo, cada un levou a súa mochila.

Miro xa tocara desde había anos as Cantigas de Escarnio e Maldizer e Xosé Quintás xa gravara o seu disco Porque no mundo mengou a verdade. Foi unha xuntanza por afinidade de músicos que dá como resultado, no noso caso, O son da estrela escura. 

Cal é o segredo de que Doa se mantivera no tempo?

Ás veces fágome a mesma pregunta. Mesmo de como é que seguimos en activo tantos anos despois. Penso que Doa nunca foi un grupo comercial. A maior parte das formacións teñen unhas obrigas de producir para as discográficas un traballo anualmente ou cada dous anos. No noso caso temos seis discos e cada un realizouse cunha distancia de entre seis e oito anos. Outra fórmula da nosa lonxevidade é que Doa non ten dono.

Eu mesmo, por pór un exemplo concreto, estiven catorce anos fóra do grupo, de 1986 até 2000. A banda trasladouse eses anos a Vigo, levábao Carlos Castro con outros músicos. Ao deixar de ter eles actividade retomámolo nós. Doa móvese sempre coa xente que lle interesa a idea de querer desenvolver e reinterpretar a música galega, non facela dunha maneira moi ortodoxa. 

Nós improvisamos sobre as Cantigas de Afonso X e para moita xente o non é moi adecuado. Esta peculiaridade débese a que temos unha gran cantidade de estilos e contacto con outras músicas ao longo da nosa historia. Máis de 20 persoas que viñan desde a clásica até o jazz, o folk ou o rock pasaron polo grupo.

Todo ese conxunto fai que Doa sexa unha formación especial. Non poden pornos etiquetas de grupo folk ou tradicional. Somos xente que se xunta porque lle interesa esta maneira de traballar e vaise trasladando de lugar ou muda de músicos. Pensa que da banda orixinal agora na actualidade estou eu só. 

Como será a actuación na Coruña? 

Para o concerto do Colón faremos unha viaxe no tempo até 1979 e pensamos recuperar o ambiente de como se fixo un traballo como O son da estrela escura. Mesmo recuperamos os instrumentos que empregamos daquela. No meu caso pasarei polo lutier para pór a punto o laúde.

Recrearemos todo o posíbel como era o grupo tocando enteiro todo o disco, coa imposibilidade de contar con Xaquín Blanco,  e engadiremos algunhas pezas máis que non se gravaron mais si tocabamos nesa época.  

Comentarios