Pilocha e Casabella darán inicio ao ciclo ‘Pioneirxs da música galega’ na Coruña

Os concertos, iniciativa da Deputación da Coruña, comezan en febreiro.
Pilocha e Miro Casabella no escenario do Teatro Colón (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Pilocha e Miro Casabella no escenario do Teatro Colón (Foto: Deputación da Coruña).

A Deputación da Coruña vén de informar do nacemento do ciclo ‘Pioneirxs da música galega’, unha serie de concertos nos que se interpretarán álbums que “marcaron a historia recente da música galega e en galego”.

Os dous primeiros concertos recuperarán os discos dos anos 1977 e 1978 ‘Pilocha’, da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e ‘Ti, Galiza’ de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. Ambos os artistas subirán ao escenario do Teatro Colón o 12 de febreiro (Pilocha) e o 5 de marzo (Miro Casabella), e as entradas serán de balde, previa retirada a través da páxina web oficial do teatro.

Pilar Martínez Conde, ‘Pilocha’, formou parte de diversas bandas e correntes musicais ao longo da súa traxectoria, como os xa desaparecidos De catro a catro, Roi Xordo e Movemento Popular da Canción Galega, entre outros. No caso de Ramiro ‘Miro’ Casabella, debutou en 1967 en Barcelona -cidade na que tamén gravou os primeiros discos-, onde foi influenciado polo movemento Nova Canço. Ambos os dous mantiveron unha estreita relación co grupo Voces Ceibes, o que marcou as súas carreiras musicais.

Tanto Pilocha como Miro Casabella visitaron onte o escenario no que actuarán e lembraron os comezos das súas carreiras musicais explicando que “cantar en galego naquel momento era totalmente reivindicativo”. Ambos os artistas animaron todo o público a asistir e recuperar “cancións que nos acompañan desde entón e que xa forman parte do noso acervo cultural”.

Os dous subirán ao escenario coas súas respectivas bandas para interpretar os seus discos íntegros, recuperando os repertorios orixinais mais con arranxos actuais.

Ademais, a Deputación da Coruña tamén adiantou que durante os concertos produciranse colaboracións únicas. A institución afirma que ambas as actuacións permitirán comprobar a vixencia destes dous traballos musicais, “cada un no seu estilo, como modo de reivindicación do seu papel decisivo do novo rumbo da música de autor e autora galega até os nosos días (Miro Casabella), e do que foi o jazz-fusión galego (Pilocha)”.

Neste sentido, o responsábel de Cultura da Deputación, o nacionalista Xurxo Couto, asegurou que “é unha oportunidade histórica para recuperar, e mesmo coñecer, a música feita en galego na década de 1970, unha etapa crucial da nosa música e que, dalgún xeito, supuxo o cerne do gran momento musical que se está vivindo actualmente no país”.

Comentarios