Xoán Colazo presentou o seu libro de viaxes pola Galiza na Coruña

A  obra achega en 492 páxinas encadernadas en tapa dura, con máis de 250 fotografías a toda cor, as  reflexións de Xoán Colazo sobre diferentes lugares da xeografía física e humana do país.
O autor Xoán Colazo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O autor Xoán Colazo. (Foto: Nós Diario)

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña acolleu onte a presentación de Cento doce viaxes na miña terra, da autoría do economista Xoán Colazo, editado por Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario. Colazo leva décadas percorrendo os camiños do país e desde o nacemento de Sermos Galiza, en 2012, publicando, como integrante do colectivo Xea, crónicas sobre diferentes lugares da Galiza. 

As derradeiras paraxes descoñecidas

A  obra achega en 492 páxinas encadernadas en tapa dura, con máis de 250 fotografías a toda cor, as  reflexións de Xoán Colazo sobre diferentes lugares da xeografía física e humana do país, profundamente transformada, que percorreu ao longo destes anos “polas derradeiras paraxes descoñecidas da Galiza”.

Primeiro con periodicidade semanal e posteriormente, mensual, o colectivo Xea -formado, alén do propio Xoán Colazo, por Adela Leiro e Mon Daporta- achega no semanario Sermos Galiza os seus roteiros pola Galiza adiante. E Colazo decidiu agora recompilar as 112 entregas que fixo nesta obra que el mesmo define como “un libro de amor á Galiza”. 

O autor de Cento doce viaxes na miña terra explica: “Podes ir a unha fervenza ou achegarte a unha igrexa, pero cando camiñas un territorio, os elementos non están illados, hai capas históricas, culturais, toponímicas, patrimoniais. Vas coa meta de chegar a unha fervenza pero na aldea do lado hai unha pía romana nunha igrexa, ou falas coa xente e suxíreche unha variedade de preguntas e destinos novos". O autor estivo acompañado por Xoán Costa, presidente do Consello de administración de Sermos Galiza S.A.  

Comentarios