A revista 'Teima' xa se pode ler ao completo en internet

Coincidindo co Día da Liberdade de Prensa, o Consello da Cultura Galega difundiu en internet todos os números da revista 'Teima'. Ademais, inclúe artigos de Ánxel Vence e Luís Villamor.
Derradeiro consello de redacción de Teima no número 35, agosto de 1977 (Foto: Arquivo Teima).
photo_camera Derradeiro consello de redacción de Teima no número 35, agosto de 1977 (Foto: Arquivo Teima).

O Consello da Cultura Galega (CCG), coincidindo co Día da Liberdade de Prensa, puxo esta terza feira a disposición pública a través da súa web o arquivo completo da revista Teima.

Os 35 números que se publicaron entre novembro de 1976 e agosto de 1977 representan a primeira experiencia deste tipo realizada no país de maneira íntegra en galego.

Nela colaboraron e traballaron Víctor Fernández Freixanes, Manuel Rivas, Xavier Navaza, Pepe Carreiro, Xaquín Marín, Xurxo Lobato e moitos outros nomes hoxe destacados da cultura e da comunicación galega. 

A dixitalización da publicación forma parte do proxecto de difusión dos fondos hemerográficos da institución. Até o de agora figura en liña a edición completa d’A Nosa Terra e o proxecto Repertorio de prensa da emigración con cabeceiras de sociedades galegas na emigración.

Arquivo e artigos de análise da revista

Alén do arquivo completo do semanario, o especial inclúe Teima, case medio século despois un artigo contextualizador  do que foi o seu director, Ánxel Vence. Nel dá conta da xénese do proxecto ao afirmar que "foron moitos os que teimaron en darlle pulo a aquela Teima.

Entre os pais fundadores, e a risco de esquecer algún, figuraban Carlos Casares, Xosé Manuel Beiras, Daniel Pino, Xan López Facal, Luís Álvarez Pousa, Enrique Aller, Víctor F. Freixanes e César Portela, aos que aínda se poderían agregar os nomes de Luís Mariño e Alfonso Sánchez Izquierdo". Coa mesma, alude aos problemas de financiamento, do esmorecemento da publicidade, e á dificultade daquel proxecto.

Por último, na mesma publicación difúndese Un lóstrego informativo a cargo do xornalista Luis Villamor, autor dunha tese monográfica sobre esta revista.

Comentarios