Contracultura

Verónica Santalices, escritora: "Queríamos mostrarlle ás crianzas o espírito combativo e reivindicativo de Luísa Villalta"

Verónica Santalices (Vigo, 1978), xunto con Federico Wellicki, busca achegar a figura da homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2024, Luísa Villalta, ás crianzas a través dunha colaboración entre a compañía Oviravai e a editorial Galaxia: 'O violino de Luísa'.
A viguesa Verónica Santalices é unha das fundadoras da compañía Oviravai (Foto: Nós Diario).
photo_camera A viguesa Verónica Santalices é unha das fundadoras da compañía Oviravai. (Foto: Nós Diario).

—Como definiría O violino de Luísa?
Levamos desde 2013 traballando con Galaxia e publicando varios libros-CD. Eles xa levan feitas campañas infantís polo Día das Letras Galegas, polo que nos propuxeron facer esta arredor de Luísa Villalta. Eu persoalmente non a coñecía moito e grazas a este proxecto, tanto do libro como da campaña polos centros educativos, acabei namorada dela. A idea era amosar ás crianzas quen era, a súa vida e obra. Ademais, sentímonos moi ligados a ela porque tamén era música e mesturaba esta coa poesía.

O violino de Luísa fala da Luísa nena, a soñadora, a reivindicativa, o que anhelaba facer e o que fixo. É un espectáculo moi chulo que levaremos por colexios e no que están presentes todas estas facetas. Ademais, ao final, entre todos os colexios faremos unha canción para Luísa. O libro, que repartirá Galaxia para todas as crianzas dos colexios, está ambientado na Coruña, e segue Luísa cando tiña oito anos nun momento no que desaparece a música e a poesía e ela ten que atopalas. 

Aproveitamos esta historia para falar dos lugares nos que estivo Luísa e dos que ela fala nos seus poemas. Falamos das súas mascotas, do ambiente artístico e cultural que viviu na súa casa. É unha historia que nos serve para aprender a ver o mundo como o vía ela, que desde o meu punto de vista era unha forma moi acertada e moi sensíbel. 

—Como se achegan esas reivindicacións e a obra de Villalta a crianzas?
Luísa é moi profunda, unha muller moi intelixente e que efectivamente non ten literatura infantil. Aí vímonos nun punto no que non sabiamos como levala ás crianzas para que lles interesara e que reflectira ben o que ela era. E de feito, aínda me custa explicar como o fixemos. Lendo moito dela e sobre ela, chegamos á decisión de que queriamos mostrarlle ás crianzas que Luísa era unha persoa como calquera de nós, que soñaba e que cumpría os seus soños. 

Agora o que queda dela, para todas nós, é a súa literatura e as súas ensinanzas. Queriamos que as crianzas quedaran con este espírito que ela tiña: era unha nena moi curiosa, inqueda e artística, e pensaba moito nela, na súa contorna, na condición humana. 

Creo que foi a través desta mirada que xurdiu toda a historia para O violino de Luísa. Na editorial quedaron contentos, nós tamén o estamos, porque foi un absoluto reto, e agora só queda ver como o reciben as crianzas. É certo que contamos coa música, que tamén supón unha vantaxe á hora de achegarlles Luísa, e incluso no libro o violín é un pouco máxico, como era ela. Ao longo de toda a historia hai anacos agochados de Luísa para que cada crianza poida ir descubrindo e investigando sobre a literatura dela, que xa a lerán cando sexan maiores. Ou non.

—É tamén unha maneira de deixar o pouso para que despois se acheguen.
Totalmente. A idea era amosar o seu espírito combativo e reivindicativo. Como ela estaba moi preocupada pola súa contorna, no libro tamén falamos da desaparición de certos edificios, ligado á especulación e a O Papagaio, ou das árbores, co que poden simpatizar moito porque as crianzas tamén teñen esta preocupación. Ela foi unha precursora das loitas actuais polo medio ambiente e o mesmo co seu feminismo, que naquela altura non eran unhas ideas tan asentadas como podemos ter agora ou como xa tiña ela; por iso para min é precursora.

Comentarios