Contracultura

Vanessa Casteleiro: "Na fotografía faltan mulleres protagonistas de historias pola dominancia da mirada masculina"

Vanessa Casteleiro, fotoxornalista, é unha das fundadoras de Ollo, un colectivo fotográfico multidisciplinar recentemente creado para contar e divulgar historias a través da imaxe. Casteleiro aborda a creación de narrativas e o compromiso coa sociedade e coas mulleres, entre outros, xa que como ela di “decidimos que tiñamos un traballo pendente”.
A fotoxornalista Vanessa Casteleiro (Foto: Oscar Pinal).
photo_camera A fotoxornalista Vanessa Casteleiro (Foto: Oscar Pinal).

Como xorde o colectivo Ollo?

Somos sete persoas que xeran contido a través da fotografía e o vídeo, dúas xestoras culturais que moven ese contido que nós creamos e unha colaboradora puntual que se centra na edición. Comezamos a falar entre nós e chegamos á conclusión de que, se ben nestes momentos a imaxe ten unha gran relevancia, as persoas que a xeramos, e inclusive as propias disciplinas, estamos pouco valoradas. Unindo isto coas inquedanzas sobre temas que non están tan ben tratados como nos gustaría, ou sen a profundidade necesaria, decidimos que tiñamos un traballo pendente. 

Somos bastante diversas entre nós porque temos idades e personalidades moi dispares, tamén estas escisións de xestión cultural non son comúns e logo uns temos máis experiencia no fotodocumentalismo e outros na docencia, que é outra das patas que imos tratar. Cremos que todo isto o que fai é enriquecer os debates, as narrativas e os temas e poden saír cousas moi frescas, ao tempo que profundas e necesarias. 

Como se escollen as temáticas a traballar?

Todas formamos parte da sociedade galega e como tal preocúpannos as historias do noso país. Cando vas dar unha charla a un festival de fotografía hai moi pouca xente fóra deste mundo que se interese por isto. Queremos formar parte da sociedade e que esta se sinta parte das problemáticas para xerar un contexto mellor. O que facemos é ver a importancia que teñen para nós certos temas e pór en común o material que levamos feito.

Vimos de publicar unha serie, Lumes, na revista 5W porque era unha temática que xa tiñamos moi traballada nós como individuos e ao polo en común adquiriu un potencial brutal. Pola propia idiosincrasia da prensa diaria, a rapidez de certos discursos, hai aspectos que se quedan curtos. Por exemplo, antes case ninguén falaba do que lles pasaba aos animais. Tamén hai que estar moi metido no terreo e é bastante perigoso, hai que estar disposto a facelo.

Ollo agora ten un traballo ao que engadiu moito deste discurso sobre os animais e sobre anécdotas como por exemplo que ti cando estás traballando neses terreos os insectos comezan a subirte por enriba porque foxen da calor.

En Lumes temos fotografías desde 2006, mais tamén hai outras que son de hai un mes e medio. Son temas que, por desgraza, non se fechan e que traballamos ano tras ano porque seguimos vendo como se arrasa o territorio. 

Como se vai articular a rama da docencia?

Queremos destacar o tema dos proxectos, de construír historias que teñan unha coherencia e unha narrativa, porque é moi diferente a ter unha colección de fotografías sobre un tema. 

Queremos que o alumnado saiba como traballamos nos nosos proxectos, como se producen e como se chega a historias fechadas e por iso non vai ser como estes cursos aos que estamos acostumadas onde ensinan a técnica ou a utilizar as ferramentas. En lugares como Latinoamérica hai uns discursos e unhas narrativas que nos parecen moi frescas e que achegan de forma sinxela os temas á sociedade sen facela sentir mal polo que ocorre, provocando máis ben que teña ganas de participar.

E aquí tamén entra o matiz das narrativas das mulleres. Como en todos os eidos, faltan mulleres fotógrafas, mais cremos que tamén faltan mulleres protagonistas de historias, que non están pola dominancia da mirada masculina. En Ollo somos seis homes e catro mulleres e somos conscientes desta forma de ver: orixinalmente as mulleres se relacionaban coa fotografía facendo de modelos, case sempre núas, e agora apenas hai temas que as impliquen. E, cando o fan, son sempre vistas como vítimas. Hai moitos temas de mulleres en positivo que son importantes e iso forma parte da ideoloxía de Ollo. 

Comentarios