Vanesa Trevín: "O pobo beduíno en Exipto é o galego do deserto, temos unha conexión moi especial"

Vanesa Trevín Pita traballa como arqueóloga profesional desde o ano 2012. Actualmente é a directora das escavacións arqueolóxicas do Castro de Doade, en Lalín, e representa xunto con outros compañeiros a iniciativa empresarial CADO Arqueoloxía desde 2019. A partir de 2016 entra no proxecto Sikait Project, que investiga as minas de esmeralda da zona do Mons Smaragdus, próxima ao porto de Berenike, en Exipto. Este sábado 29 de maio participará nun faladoiro en liña organizado pola Fundación Cidade da Cultura con motivo da exposición 'Faraón, Rei de Exipto'.
A arqueóloga galega Vanesa Trevín Pita nun dos xacementos no que traballa (Sikait Project).
photo_camera A arqueóloga galega Vanesa Trevín Pita nun dos xacementos no que traballa (Foto: Sikait Project).

-Como chega á arqueoloxía?

No meu caso cando era pequeniña quería ser arqueóloga, mais logo atravesei varias fases, desde querer traballar nun salón de peiteado até ser bióloga, pasando por ser astronauta... No instituto dábase moi ben a historia e foi o que fixen malia que a miña familia non estaba moi de acordo por parecerlles que non tiña moita saída profesional. Comecei como todo o mundo, con prácticas en xacementos, até que chegou a miña oportunidade profesional. Despois xa foi cuestión de seguir traballando até hoxe.

-É difícil ese mundo profesional?

Hai unha dobre vertente. Está a arqueoloxía de urxencia, entre a obra pública e as escavacións en terreos forestais. É o que non permite aguantar o día a día. Despois contamos coas iniciativas de institucións ou as privadas, como é o caso da Casa do Patrón, en Doade, Lalín, onde estou e nas que podemos facer arqueoloxía máis científica. Nestas traballamos a posta en valor e a musealización. 

-O caso de Doade é un exemplo de como de debería traballar a conservación ao tempo que a propia extracción?

É algo moi particular e moi interesante. O museo é privado e ofrece unha experiencia total cun restaurante de comida tradicional, unha exposición etnográfica, unhas mámoas e un xacemento arqueolóxico. Pasado e presente ao que lle dan forma para que as persoas visitantes coñezan desde o neolítico até os últimos 100 anos da historia dunha parroquia. Aquí solucionan o problema que teñen moitos xacementos, que cando reciben unha subvención para actuar non lles chega o diñeiro logo para facer o mantemento. Conségueno ao facelo visitábel e financialo coas propias visitas.

-Os proxectos arqueolóxicos galegos deberían contemplar todo o proceso, tamén a súa conservación?

Si, desde logo. Depende de decisións políticas e de cuestións económicas. A maior parte das veces as axudas que se dan chegan só para facer unha parte. Á hora de preparar estes proxectos o ideal sería sumar a conservación, facelo visitábel ou renovar a carteleira e, sobre todo, financiar o apartado científico e os proxectos técnicos para partillar coas compañeiras e compañeiros da academia estudos científicos máis extensos. 

Hai unha serie de axentes que se deberían de coordinar. O financiamento é moi escaso aínda que temos bos profesionais. As institucións deberían facerlle máis caso á parte científica. A empresa privada tamén  é importante porque obriga a atopar problemas e a solucionalos.    

-Cando poderemos ver o aproveitamento dos xacementos arqueolóxicos que teñen outros territorios? 

Eu apelo á xestión política. Son os que teñen que pór unhas directrices para poder seguilas, sexan académicas ou as que estamos a pé de obra. Agora mesmo non hai programas de financiamento propio para o patrimonio, só algunhas subvencións que aproveitan os concellos. En cada sitio que investigamos facemos o que podemos.

-Como está a ser a experiencia en Exipto?

Estamos nun xacemento romano e tardoantigo. A xente ten unha idea un pouco idílica da arqueoloxía en Exipto. Unha das experiencias máis marabillosas é o contacto coa poboación. O pobo beduíno en Exipto é o galego do deserto, temos unha conexión moi especial. Este ano tivemos a oportunidade de facer espeleoloxía e explorar as minas de esmeraldas onde atopamos utensilios intactos que deixaron hai 2.000 anos. 

Comentarios