Arqueoloxía

Jessica Silvares: "Cómpre que a veciñanza protexa o xacemento"

En marcha unha nova campaña de escavación no castro de Santa Lucía, en Castrelo de Miño. Falamos coa directora da intervención arqueolóxica, Jessica Silvares
O equipo de escavación do grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT).
photo_camera O equipo de escavación do grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT).

Un equipo de nove persoas traballa xa cada fin de semana nunha nova intervención arqueolóxica no xacemento galaico-romano de Santa Lucía, en Astariz, no concello de Castrelo de Miño. Trátase da terceira campaña que ten lugar neste enclave, promovida polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT). As arqueólogas buscan novas estruturas no seu aterrazamento principal e están a realizar o rexistro fotogramétrico de varios sectores do castro. Conversamos con Jessica Silvares, directora da intervención arqueolóxica. 

En que consiste o xacemento de Santa Lucía?

Trátase dun castro, un tipo de asentamentos dos que Galiza está ateigada. Está situado nas inmediacións do Miño, máis ou menos no medio, ofrecendo un importante control visual cara ao río. De feito, permite unha panorámica moi boa de parte do val e tamén doutros xacementos importantes, por exemplo, o que era o castro de Laias, que estaba xusto en fronte —aínda que agora desapareceu coa construción da autovía. O castro de Santa Lucía é un xacemento que tivo unha ocupación importante, que podemos situar máis ou menos no que se coñece como o cambio de era, na franxa que vai do século I a.C. ao I d.C. Na campaña previa, en 2017, vimos que unha das características máis salientábeis é que ten unha ocupación tardorromana. Isto faino especial porque deste tipo de xacementos hai moi poucos na Galiza. Nesa época tardoantiga —falariamos do século V ou mesmo VI d.C.— sería un castelo visigodo. Todo isto percíbese nunha parte dos materiais que revisamos, quer cerámicos quer de bronce.

Vimos que unha das características máis salientábeis é que ten unha ocupación tardorromana. Isto faino especial porque deste tipo de xacementos hai moi poucos na Galiza

En que consiste a nova campaña de escavación?

Desde a universidade, xunto co concello, fixemos dúas escavacións anteriores e logo outra de sinalización en 2018. A finalidade da que estamos desenvolvendo este ano é aclarar estruturas que atopamos anteriormente, mais que non quedaron moi ben definidas, das que non coñecemos moi ben o uso. E despois tamén ten unha vontade de deixar toda esa parte lista para unha futura campaña de musealización e conservación, que sería o paso seguinte. É importante que o concello quede con este recurso, que se explote e, sobre todo, que a veciñanza o coñeza e o protexa. Por iso, un dos puntos máis destacados desta campaña, fronte ás anteriores, é que estamos tratando de darlle moita máis difusión, buscando a participación da veciñanza. Quizais foi un aspecto que nas intervencións previas quedou desatendido. Antes de comezar fixemos unha reunión coas veciñas e agora todos os sábados imos ter unha visita guiada. 20200201_104322

Esta campaña de musealización está xa prevista?

Si que está prevista xa coa Xunta, mais primeiro cómpre finalizar esta intervención para ver tamén cales son as estruturas que van quedar visíbeis. Como imos baixando de nivel, temos que valorar cal vai ser a parte que se vai acondicionar e describir, porque non todo o que aparece é coetáneo. Nós sabemos distinguilo cando estamos escavando, porén, á hora de que cheguen visitantes ao castro podería ocasionar confusión. 

Un dos puntos máis destacados desta campaña, fronte ás anteriores, é que estamos tratando de darlle moita máis difusión, buscando a participación da veciñanza

Atopouse algo xa no que vai desta última campaña?

Aínda estamos comezando e só traballamos durante as fins de semana, cun tempo moi limitado. Si que é verdade que no primeiro día —cousa rara porque normalmente sempre son as últimas xornadas cando aparecen cousas— fixemos algún achado. Estivemos limpando parte das estruturas que estaban escavadas, para deixalas visíbeis e pechar algunha cousa que quedara pendente, e apareceu, por exemplo, unha moeda de Fernando VII, que se vía perfectamente. Non é que vaiamos achegar moito neste intre concreto, pois estamos en niveis moi superficiais. De momento, fixemos unha ampliación e quitamos a primeira capa vexetal. Aí apareceron moitos restos cerámicos, algúns dos cales nos falan de épocas romanas directamente e algúns anacos de bronce, un deles cremos que máis asociado á época tardoantiga de ocupación do castelo. Tamén sabemos que nunha parte da ampliación hai un derrube. Xa temos unha intuición de como podería ser, aínda que estamos no inicio e queda moito por facer. 

Comentarios