Reanúdanse os traballos arqueolóxicos no castro de Chandebrito

O Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes iniciaron nos últimos días unha nova fase de escavación e musealización do Castro de Chandebrito destinada a conservar, consolidar e restaurar a muralla superior do primeiro recinto (datada no VIII a.C) e cuxa intervención se estima nun mes.
IMG_3737
photo_camera Reanudación das tarefas de recuperación arqueolóxica no castro de Chandebrito. (Foto: Nós Diario)

O Concello conta cunha subvención de 13.000 euros da Deputación de Pontevedra destinada á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. O goberno local levará ao vindeiro pleno a consignación de 11.000 euros do seu remanente para a redacción dun proxecto que contemple a exhumación de 400 metros cadrados de terreo situado entre esta muralla e a seguinte inferior, o que permitirá deixar ao descuberto máis estruturas e consolidar ambas fortificacións.

Así o Concello comprométese coa Comunidade de Montes de Chandebrito para avanzar nas escavacións iniciadas en 2019 a través da cooperativa Árbore.

"A meta é situar este castro como un referente etnográfico en toda Galiza, o potencial é enorme e non queremos desaproveitalo", indica Juan González, alcalde de Nigrán, e subliña que "é o gran tesouro patrimonial de Nigrán e da comarca".

Esta segunda actuación, na que xa se está a traballar, suporá restaurar un tramo de aproximadamente 110 metros cadrados de muralla localizados na terraza superior e que xa quedara parcialmente á vista nas escavacións de 2019 nos 58 metros cadrados lindeiros.

Naquelas escavacións afloraron tres construcións diferentes e outras dúas murallas máis. Polo tanto, a nova exhumación permitirá apreciar mellor a natureza do Castro como recinto fortificado

"Desde a parte baixa apreciase como un muro totalmente vertical dificilmente expugnábel, pero unha vez que te achegas a el podes ver que é máis ben un socalco onde amoreaban as pedras, estamos seguros de que os seus habitantes xogaron con esta perspectiva ao seu favor á hora de construílo", sinalan os arqueólogos de Árbore.

Os investigadores traballarán durante 20 días integrados nun equipo composto por cinco persoas expertas e dúas bolseiras restauradoras. "Esta nova escavación quedará totalmente á vista, polo que dará unha idea clara ao visitante de como era o castro na súa orixe, que segundo os diferentes achados podemos situar no século VIII", explicou Benito Vilas, un dos arqueólogos responsábeis.

"Todos comprendemos que a cultura, o respecto ao medio e a actividade económica deben ir da man ", destaca o rexedor, e apunta á creación do primeiro parque forestal da comarca en terreos queimados das parroquias de Camos e Chandebrito como outro dos proxectos municipais.

Comentarios