Uxía Casal será a homenaxeada no VIII Día das Galegas nas Letras

O colectivo A Sega escolle a esta escritora de literatura xuvenil de ficción científica e "raíña da retranca" como A Nosa Señora das Letras deste ano. A escritora ten seis obras individuais publicadas, así como libros colectivos.
A escritora Uxía Casal nunha imaxe de arquivo. (Foto: Eduardo Castro Bal)
photo_camera A escritora Uxía Casal nunha imaxe de arquivo. (Foto: Eduardo Castro Bal)

A plataforma de crítica literaria A Sega vén de anunciar que o Día das Galegas nas Letras homenaxeará este ano á escritora e docente Uxía Casal, á que cualifica como a "raíña do misterio, da retranca e da palabra exacta".

Casal destaca na súa traxectoria como autora pola súa aposta na literatura infantil, que foi encamiñando á ficción científica. Até o de agora, ten publicadas seis obras que van desde as novelas até as escolmas de relatos máis cortos.

As súas creacións foron publicadas por algunhas das principais editoriais do país: Un ano de fábula en catro estacións (1994, Sotelo Blanco); As ás de Xenoveva (1996, Galaxia); Saturno tamén é deus (1997, Galaxia); O faro de Arealonga (2001, Xerais); Sede en Ourense (2005, Galaxia) e Vidas exemplares (2006, Xerais).

Así mesmo contribuíu a algúns libros colectivos como Narradoras (2000, Xerais) e From the beginning of the sea (De onde comeza o mar) (2008, Foreign Demand).

No seu perfil da AELG, defínese coma "unha escritora lenta que goza xogando coas palabras e imaxinando situacións que se desenvolven paseniñamente". "Intento coa miña escrita que o lector se entreteña e perciba a música de fondo que pretendo imprimir ás miñas obras", engade Casal.

Orixe deste recoñecemento

A Nosa Señora das Letras é un título creado hai xa oito anos para destacar a figura daquelas mulleres que contribuíron á cultura galega en xeral e, sobre todo, á literatura. O ano pasado a honra foi para a dramaturga Inma Antonio.

Esta iniciativa do colectivo comezou en 20014, cunha dedicatoria a Dorothé Schubarth.  2014, dedicándollo a  Dorothé Schubarth. Ao longo dos anos foron destacadas María Victoria Moreno, María Xosé Queizán, Patricia Janeiro, Marica Campo, Inma Antonio e Xela Arias, que este ano é a protagonista do Día das Letras Galegas da Real Academia Galega (RAG).

Comentarios