A Sega fai un chamamento para "cultivar cultura" en tempos de confinamento

A plataforma de crítica literaria feminista galega
68704617_2465657733519323_1487062401093206016_o
photo_camera Acto público de A Sega o pasado verán en Vigo (Foto: A Sega).

A plataforma de crítica literaria feminista A Sega vén de lanzar o seu público agradecemento “a todas as artistas que estes días ofrecen acceso á cultura desde a súa vontade de construír comunidade nos termos que elas mesmas deciden”, e consideran que “cómpre entender estes xestos nun marco que concibe a cultura non só como unha industria, senón como elemento vital dos coidados”.

Ademais, A Sega lanza unha serie de recomendacións para artistas, público e os diferentes axentes culturais “nestes tempos en que, máis que nunca, o traballo das entidades e das administracións precisa ofrecer a leira e axudar na sacha para que na construción da comunidade non conte só a vontade, senón os dereitos laborais e o coidado que nós, as produtoras, tamén merecemos”

Unidade, unha actitude activa, consciencia das opcións que ofrece a rede e a necesidade do apoio entre artistas son algunhas das recomendacións que ofrecen para o colectivo de creadoras, mentres que das entidades públicas reclaman que garanta “que todos os contidos que soliciten a artistas sexan remunerados”, a elaboración dun “plan de continxencia” ou “investir en cuestións que ofrezan un futuro menos precario ao colectivo de artistas”.

Por outra banda, A Sega pide a terceiros axentes da cultura como editoras, discográficas, produtoras, medios de comunicación e consumidoras máis "unión”, un “incremento” da produción e consumo da información cultural ou que se adquiran “produtos culturais galegos”, respectivamente.

Comentarios