Francisco Castro aborda a obra de Gurriarán na UDC

Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, participará esta terza feira nun encontro arredor da figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán na UDC. 
Florencio Delgado Gurrriarán (Foto: Consello da Cultura Galega).
photo_camera Florencio Delgado Gurrriarán (Foto: Consello da Cultura Galega).

A Universidade da Coruña (UDC) acollerá esta terza feira ás 13 h un encontro arredor da obra de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano coas Letras Galegas, a cargo de Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

No acto, que terá lugar no Salón de Graos da institución, analizarase a contribución da editorial para lembrar ao poeta valdeorrés este ano coa recuperación dos seus tres poemarios: Bebedeira, Galicia infinda e O soño do Guieiro, xunto cunha Antoloxía poética, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro, que reúne os poemas menos coñecidos do autor.

Ao mesmo tempo saíron do prelo os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999 e agora recuperado por esta editorial.

Estas obras, completan a aproximación á vida e obra do poeta, xunto con Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez. 

Delgado Gurriarán, avogado e poeta

Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galiza exiliada en México e a Galiza interior.

Foi tamén activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros -da que foi director xunto a Carlos Velo e Luís Soto- e a audición radiofónica Hora de Galicia. A homenaxe a Gurriarán será tamén, daquela, un recoñecemento do exilio galego en México. 

Comentarios