A Academia estrea novo capítulo da serie web sobre Florencio Delgado Gurriarán

A RAG estreará cada quinta feira, até a semana previa ao Día das Letras Galegas, un novo capítulo.
Fotograma do segundo episodio da serie web sobre Florencio Delgado Gurriarán. (Foto: RAG)
photo_camera Fotograma do segundo episodio da serie web sobre Florencio Delgado Gurriarán. (Foto: RAG)

A Real Academia Galega (RAG) estrea esta quinta feira o segundo capítulo de serie web 'Florencio Delgado Gurriarán. O Soño da Galiza infinda', que trata sobre o activismo galeguista do poeta valdeorrés nos anos posteriores ao golpe de Estado.

Nun comunicado remitido aos medios, a RAG lembra que despois de ter que fuxir do seu fogar, Delgado Gurriarán participou na organización da resistencia republicana, escribindo en publicacións como 'Nova Galicia. Portavoz dos antifascistas galegos'.

O episodio que narra esta etapa vital do autor e da historia do século XX, 'O compromiso e a guerra', pode verse xa na páxina da academia e na canle de Youtube da institución.

Este segundo episodio relata como Florencio Delgado Gurriarán inicia a súa actividade política como galeguista en Valdeorras, onde foi un dos principais impulsores das Irmandades da Fala da comarca; os primeiros contactos con intelectuais galeguistas como Otero Pedraio ou Castelao; e a militancia no Partido Galeguista.

Participantes no episodio

O episodio conta coas intervencións do presidente do Instituto de Estudos Valeorreses, Aurelio Blanco Trincado; Elva Delgado, Teresa Delgado e Lucio Santalla, familiares do autor; o historiador e tamén familiar do homenaxeado Ricardo Gurriarán; e a xornalista Margarita Ledo Andión, o historiador Ramón Villares e o filólogo Xesús Alonso Montero, integrantes numerarios da RAG.

A serie conta coa colaboración especial do actor valdeorrés Paco Campos, que interpreta poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Neste episodio recita 'Home pequeno- fol de veleno', unha sátira sobre o ditador Francisco Franco publicada por primeira vez no ano 1938 en 'Nova Galicia. Portavoz dos antifascistas galegos' e recollida despois no 'Cancioneiro da loita galega'.

A narración audiovisual completarase con outros dous capítulos dedicados á poesía e á lingua do autor. A RAG estreará cada quinta feira, até a semana previa ao Día das Letras Galegas, un novo capítulo.

Web serie sobre Delgado Gurriarán

'Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galiza infinda' é unha produción da RAG sobre o poeta e activista cultural ao que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio, realizada pola produtora Miramemira e con María Yáñez como guionista.

A serie desenvólvese con achegas económicas públicas, e conta tamén co apoio de particulares, arquivos e institucións que cederon materiais documentais, como a Filmoteca da Galiza, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pablo Iglesias, a Fundación Carlos Velo, o Instituto de Estudos Valdeorreses e as familias de Delgado Gurriarán ou de Guillermo Escrigas.

Comentarios