Trece espectáculos competirán na gala dos XXV Premios de Teatro María Casares

A lingua das bolboretas, de Sarabela, é a peza máis nomeada nesta edición dos premios, que realizará a súa gala o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
95233f3d-orellas-de-burro
photo_camera O actor Fernando Dacosta en 'A lingua das bolboretas'. (Foto: Nós Diario)

O vindeiro 9 de setembro, un total de 13 espectáculos serán os que compitan, en calidade de finalistas, por facerse con algún dos 14 galardóns dos XXV Premios de Teatro María Casares. Unha entrega de premios que decorrerá, como nos últimos anos, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Os espectáculos e profesionais candidatos aos premios María Casares deunos a coñecer esta cuarta feira, 30 de xuño, a Asociación de Actrices e Actores de Galiza (AAAG), nun acto de presentación de finalistas que se desenvolveu no edificio da Sociedade Xeral de Autoras e Editoras (SXAE) en Santiago de Compostela.

A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, atesoura o maior número de nomeamentos, cun total de oito finalistas nas categorías de espectáculo, dirección (Gonçalo Guerreiro), adaptación-tradución (Fernando Dacosta e Guerreiro), actor protagonista (Josito Porto), actor secundario (Fran Lareu), iluminación (Baltasar Patiño), escenografía (Gonçalo Guerreiro) e vestiario (Tegra Vázquez e Lele Álvarez). 

Pola súa banda, Dreaming Juliet, de Elefante Elegante, rexistrou cinco finalistas nas categorías de espectáculo, actriz secundaria, música orixinal, escenografía e vestiario. A mesma cantidade que 32m2, de ButacaZero (nos apartados de dirección, actor protagonista, texto orixinal, música orixinal e escenografía) e Bailar agora, de Marta Alonso de Tejada, nomeada a  mellor espectáculo, dirección, actriz protagonista, iluminación e vestiario, e tamén a mellor actriz secundaria con Dreaming Juliet. 

Con finalistas en catro categorías de premios está a peza Micropectivas dun marica millennial, de Incendiaria; Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández; O premio, de La Quintana Teatro, finalista no apartado de actriz protagonista por partida dupla (Victoria Teijeiro e Raquel Espada), texto orixinal e maquillaxe. 

O mozo da última fila, de Redrum Teatro, acadou tres finalistas nos apartados de actriz secundaria e actor secundario, neste segundo caso tamén por partida dupla (Machi Salgado e Rubén Porto). 

E por último, cinco obras conseguiron un finalista: Poeta en Nova York, de Teatro Baixo da Area (adaptación-tradución), A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico (música orixinal), O libro da selva, de Teatro Avento Producións (maquillaxe), Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón (espectáculo infantil) e Ris Ras, de Baobab (nomeado a mellor espectáculo infantil). 

Comentarios