Trinta concellos dan apoio ao certame

'A lúa vai encuberta', vencedora do Premio Manuel María de Teatro

As compañías profesionais Incendiaria e Quinta do Cuadrante foron as vencedoras desta segunda edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.
incendiaria
photo_camera Imaxe dunha charla da compañía Incendiaria. (Foto: Nós Diario)

A peza galardoada, titulada A lúa vai encuberta, contará con 4.000 euros para a súa produción e ten garantidas un total de 30 representacións, nos concellos que desta volta sumaron o seu apoio á iniciativa da Casa-Museo Manuel María.

O certame premia a mellor proposta escénica dunha obra do autor chairego, co compromiso da súa estrea en 10 meses e, polo tanto, A lúa vai encuberta estrearase en setembro de 2021 e estará nos escenarios durante todo o ano 2022, cando menos.

Nesta segunda edición, o xurado estimou por unanimidade que o mellor proxecto foi o presentado pola unión de dúas compañías, A Quinta do Cuadrante, composta por Melania Cruz e Tito Asorey, e Incendiaria, constituída por Vanesa Sotelo e Davide González, ademais de contar para a escenografía con Carlos Alonso e para a iluminación con Laura Iturralde. 

O proxecto está realizado sobre o texto de Manuel María do mesmo nome, obra que trata algúns dos acontecementos da historia da Galiza que "quizais axudan a entender mellor o noso presente".

O xurado destacou da peza gañadora que “constitúe un proxecto importante e ambicioso, tanto no plano creativo como de realización e produción".

O carácter bienal deste concurso supón que nunha anualidade se presentan os proxectos e na seguinte se leve á escena a proposta gañadora.

A obra gañadora na primeira edición, O meu mundo non é deste reino, resultou merecedora dun María Casares.

Comentarios