De Santiago Cortegoso e Marián Bañobre

'O charco de Ulises': revisando a 'Odisea' desde a emigración galega

'O charco de Ulises' inaugura a tempada deste ano do Centro Dramático Galego, marcada por un cambio de ciclo. A produción, que se estrea a quinta feira, presentouse hoxe no Salón Teatro con presenza de Fran Núñez, responsábel do CDG; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Jacobo Sutil, de Agadic, e o equipo da obra. 
O charco de Ulises
photo_camera O charco de Ulises

O Centro Dramático Galego presentou hoxe a súa nova proposta escénica, O charco de Ulises, que se estrea nesta quinta feira ás 21 horas no Salón Teatro (Compostela), baixo a dirección de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. Trátase da primeira das tres producións propias coas que a entidade pública configurou a tempada 2020-2021, a primeira con Fran Núñez no temón, á que seguirán Terceiro acto e Serva me, servabo te; para alén doutras coproducións e iniciativas.

O primeiro emigrante

A obra volve sobre os pasos de Homero nunha versión libre da Odisea que se traslada a un contexto transatlántico. Do mar ao océano, de Ítaca á Galiza, de Troia a Bos Aires. "Este é un Ulises galego e cada porto, cada recanto da nosa terra, é unha Ítaca á que regresar", explica Núñez no texto de presentación. Cortegoso e Bañobre, pola súa banda, afirman: "Ulises está considerado, na cultura occidental, o primeiro emigrante; o primeiro ser humano que experimentou a nostalxia pola súa terra".

A trama decorre en paralelo ao clásico relato que inaugura na tradición escrita as epopeas. Con isto, procúrase xerar un diálogo co mito orixinal, para tratar desta volta o fenómeno da emigración galega desde unha vertente marcadamente poética. O noso Ulises particular permanece errante durante dez anos, viaxando de illa en illa, vivindo peripecias memorábeis, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. "Na miña illa era pobre. Por iso marchei", recoñece o protagonista nun dos primeiros "Cantos". A idea do retorno á patria, con todo, nunca o abandona, mais é consciente de que a súa vida non transcendería se non saíra dela.

Entre Kavafis e Manuel Antonio

Así, semella Cortegoso situarse nunha das reelaboracións máis sonadas desa Odisea, a dos versos de Kavafis, na que a patria é máis ben a liña do horizonte, o devir sempre inalcanzábel, pouco máis que a escusa para emprender o periplo: "Cando cara a Ítaca saias na viaxe, / desexa que o camiño sexa longo, / pleno de aventuras, pleno de coñecementos", escribe o grego. Mais esta tradición únese coa galega no amplo crisol da emigración e a viaxe, que o autor coloca nas verbas de Manuel Antonio: "Este océano desatracou das costas / e os ventos da Roseta / orientáronse ao esquenzo".

Son estas as dúas citas que ligan dúas tradicións ao comezo do texto que xa fora publicado en 2012 por Artezblai, logo de recibir en 2010 unha bolsa Iberescena. Positivas publicarao agora á vez da estrea, na colección de libros do CDG O papel do teatro.

Na obra cada personaxe é escenario da súa propia traxedia. Nos desfases, os males contemporáneos comparecen na denuncia dun xogo de claroscuros e caídas metafóricas. A soidade, o individualismo, o desencanto político, a violencia, o incesto, o suicidio... perfílanse nun destro manexo da palabra e do silencio, de presenzas e ausencias.

"O charco de Ulises trata da viaxe como concepto vital da existencia do ser humano no tempo, trata dos movementos migratorios, do multiculturalismo, da necesidade —ou non— de traspasar calquera fronteira", explican Cortegoso e Bañobre.

Trátase dunha peza de gran formato que encabezan Fran Paredes como Ulises e Inés Salvado Gontad como Penélope. Xunto a eles, outras oito intérpretes recrean o clásico sobre as táboas: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, para alén do músico Xosé Lois Romero.

Funcións especiais

Desde o 14 até o 31 de xaneiro, o Salón Teatro ofrecerá en Compostela 18 representacións. A función do día 20 realizarase coa luz de sala parcialmente prendida, enfocada a persoas ou colectivos con dificultades para permanecer sentados e sen moverse nunha estancia escura durante toda a peza.

O día 24, pola súa banda, a sesión conta con axudas humanas e técnicas para permitir unha maior comprensión ás persoas con dificultades auditivas, visuais ou intelectuais. A diferenza de no resto de sesións, haberá durante toda a representación, nun extremo da boca de escena, unha persoa intérprete de lingua de signos.

Após a estadía en Compostela, O charco de Ulises xirará por distintos escenarios galegos durante os meses de novembro e decembro de 2021. A representación estreará ademais a nova instalación de cámaras da sede do CDG para a gravación e retransmisión de espectáculos, adaptándose á actual situación de pandemia. Así, poderase seguir polas redes a función inclusiva do día 24 de xaneiro.

Comentarios