Elefante Elegante leva de viaxe os Premios María Casares

Fixeron historia nos María Casares ao seren a primeira compañía que recibiu o premio ao mellor espectáculo cunha obra para público infantil. Agora Elefante Elegante conducirá a gala de entrega dos premios do teatro cunha posta en escena arredor das viaxes. 

Elefante Elegante
photo_camera Elefante Elegante

De viaxe levará a compañía Elefante Elegante a gala de entrega dos XIX Premios María Casares que se desenvolverán o 26 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A compañía codirixida por María Torres e Gonçalo Guerreiro forma parte da historia dos premios xa que en 2013 converteuse na primeira gañadora ao mellor espectáculo cunha proposta dirixida ao público infantil.  Nesta edición, Elefante Elegante é finalista con Kassa a tres categorías dos premios da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). 

A viaxe será o cerne da súa proposta para a entrega dos premios que se desenvolverá a véspera do Día do Teatro, opción que escolle a compañía xa como “espello para ese xeito de vida dos actores, que vivían como viaxeiros forzados nunha época na que se movían polo mundo en troupe”, segundo sinala a directora María Torres dunha gala na que abrollarán temas como “a itinerancia como modo de vida, a emigración ou a multiculturalidade”. A compañía contará con música en directo de Kibitka con sons de Armenia, Bielorrusia, Moldavia, Rusia ou Galicia.

Comentarios