O traballo silandeiro da Fundación Laxeiro

Obras de José María Barreiro na exposición 'Un poema para Laxeiro', en Vigo.
Unha mostra xunta obras de Barreiro e Pulido en homenaxe ao pintor laliniense.

A escolla de Laxeiro como figura protagonista do Día das Artes Galegas, por parte da Real Academia Galega de Belas Artes, propiciou, como é habitual, unha enxurrada de proxectos que visaban a recuperar e darlle visibilidade á vida e obra do artista de Lalín. Laxeiro, a fin de contas, foi sempre un artista recoñecido non só polas persoas afeccionadas ás artes, senón por xente de todas as capas da sociedade, que o recoñecían como alguén próximo cuxa arte bebía de fontes populares. Unha figura que tendía a crear consenso ao seu arredor. 

Porén, se analizamos as exposición realizadas durante o ano e as que aínda quedan por inaugurar (o "ano Laxeiro" decorre entre o 1 de abril de 2022 e a mesma data, Día das Artes Galegas, de 2023), e doado sospeitar que ese entendemento arredor da súa obra se transformou, neste ano nun desideratum máis que nunha realidade. A necesaria colaboración entre institucións transformouse, de facto, nunha competición entre a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo na que se perdeu unha oportunidade única de elaborar un discurso actualizado e orixinal sobre a obra dun artista imprescindíbel para entender a arte galega do século XX. 

Por unha parte, a Xunta de Galiza organizou unha exposición que -comisariada polo crítico de arte Carlos L. Bernárdez-, foi desde Lalín a Madrid e, de volta, á Cidade da Cultura de Santiago, onde acaba de clausurarse para viaxar proximamente á sede do Instituto Cervantes de París. Por outra, o Concello de Vigo prepara para febreiro outra exposición -comisariada polo director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Miguel Fernández Cid-, que recollerá as pinturas que se expoñen a diario na Fundación Laxeiro, situada na Casa das Artes da cidade, acompañadas por obras de pintores españois coetáneos a José Otero Abeledo. 

En medio desa competición de exposicións compostas por cadros xa coñecidos do artista, a propia Fundación Laxeiro quedou na sombra. Estamos falando dunha fundación que logrou publicar un catálogo razoado da obra do artista -un caso único na Galiza-, con case 4.000 entradas e que leva máis de vinte anos estudando e recollendo un material de inmenso valor para a comprensión da súa obra. Como declaraba o seu director artístico, Javier Buján, a Sermos Galiza no pasado mes de abril, "onde máis fincapé se fai nas efemérides deste tipo é no apartado da difusión e todo isto é importante para a promoción da figura de Laxeiro. Pero onde se sustenta un bo traballo, rigoroso, de convalidación da nosa cultura, é na investigación". 

Por outro lado, os tempos de preparación dunha exposición cun discurso innovador superan con moito os que se manexan nunha efeméride anunciada sobre o mes de xuño do ano anterior. 

Desde o seu modesto financiamento, a Fundación contribuíu ao Ano Laxeiro con dúas exposicións -en marzo e en xuño- que mostraban por primeira vez ao público obra inédita do pintor procedente de coleccións privadas. A semana pasada, inauguraba a mostra Un poema para Laxeiro, con obra de José María Barreiro e Antón Pulido que, segundo o seu comisario, Antón Castro, "tenden un cordón esteticamente umbilical ao dobre Laxeiro –o figurativo expresionista e o abstracto". E aínda inaugurará en febreiro outra mostra, Acción Laxeiro, que lembra unha acción na galería Trinta de Santiago na que o artista pintou un cadro "en directo". A exposición recollerá o cadro realizado e as fotos de Xurxo Lobato que inmortalizaron a performance. 

Unha exposición feita desde a amizade e a lembranza

José María Barreiro e Antón Pulido foron amigos de Laxeiro durante moitos anos e ambos pertencen ao padroado súa fundación. Os dous artistas quixeron renderlle unha homenaxe ao mestre, a través dun diálogo plástico que entenden como un poema visual. En palabras de Antón Castro, Barreiro e Pulido continúan a renovación da vangarda histórica de Laxeiro, e son, en certa medida, "artistas que foron evolucionando dende o estela que marcara o renovador lalinense".