A Fundación Laxeiro expón máis obra inédita do artista en Vigo

A Fundación Laxeiro exhibe en Vigo vinte e catro obras do artista inéditas para o público, na segunda das exposicións dedicadas a obra descubertacon posterioridade á publicación do catálogo razoado.
Laxeiro, 'Sen título', ca. 1973, Tinta sobre cartolina
photo_camera Laxeiro, 'Sen título', ca. 1973, Tinta sobre cartolina

O pasado mes de marzo inaugurábase en Vigo a exposición Laxeiro descoñecido I, a primeira parte dunha serie de dúas exposicións que querían mostrar unha selección da obra catalogada de Laxeiro despois de 2009 -data de publicación do Catálogo Universal do artista, con tres mil cincocentas obras catalogadas-, e que até o momento permanecía inédita para o público. 

Esta quinta feira, a Fundación Laxeiro abría na súa sede de Vigo a segunda parte deste ciclo, Laxeiro descoñecido II. Obras inéditas de segunda época, que permanecerá aberta até o vindeiro 2 de outubro. 

Comisariada por Javier Buján, director artístico da fundación e un dos mellores coñecedores da obra do artista, a mostra ilustra, a través dunha escolma de vinte e catro obras, o eclecticismo que caracterizou a obra de Laxeiro a partir dos anos cincuenta. Na exposición inclúese figuración expresionista e granítica e abstracción xeométrica e orgánica, conformando un repertorio de solucións expresivas que dá boa conta da versatilidade dun Laxeiro xa maduro e inserido no mundo profesional da arte.

 

A súa estadía en Bos Aires (1950-1970) resultou decisiva, tanto na apertura a novas linguaxes, como na súa profesionalización, mais esta última nunca supuxo para o artista unha servidume de estilo, como adoita acontecer con frecuencia con outros autores que, unha vez acadada unha fórmula de éxito, vense atrapados no seu propio estilo por imperativo do mercado. Laxeiro, pola contra, parece utilizar o seu éxito para ampliar a súa liberdade creativa, de xeito que a súa variedade de rexistros forma parte intrínseca do interese do seu traballo, como un sinal de identidade irrenunciábel.

A súa narrativa segue buscando inspiración na cultura popular, ás veces cunha tenrura inédita con respecto á súa primeira época. Mesmo cando revisita a súa característica estética granítica, semella facelo sen o tenebrismo que caracterizara as súas obras dos anos trinta e corenta. Noutros casos, leva esa narrativa a unha sorte de surrealismo onírico que sorprende pola súa pegada nomeadamente laxeiriana e, desde aí, mergúllase nos camiños da abstracción, nos que o misterio articula todo o relato, ben no ámbito da xeometría, sempre levada á sensualidade do seu trazo, ou no ámbito do xesto máis espontáneo.

Laxeiro Descoñecido II, proponse, no ano en que se lle dedica ao autor o Día das Artes Galegas, como unha mostra que sintetiza eses camiños poliédricos e inesgotábeis que fan da obra de Laxeiro unha das máis ricas da pintura galega do século XX. 

Comentarios