Unha exposición en Vigo mostra obras descoñecidas até o de agora

Un Laxeiro inédito preséntase en Vigo

A Fundación Laxeiro abre as actividades do ano en que se lle dedica ao pintor de Lalín o Día das Artes Galegas cunha exposición que exhibe obras até o de agora inéditas para o público. Laxeiro descoñecido permite afondar no período de formación dun estilo que acabaría por ser, ao tempo, vangarda artística e revulsivo popular. 
'Carnavalada', unha das obras presentes na mostra.
photo_camera 'Carnavalada', unha das obras presentes na mostra.

O 26 de xuño pasado, a Real Academia Galega de Belas Artes decidía dedicar o Día das Artes Galegas do ano 2022 a Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, unha das figuras máis fecundas e interesantes da arte galega do século XX e, ao tempo, unha das máis populares. Probabelmente, Laxeiro foi querido e apreciado pola xente como non o fora ningún artista da súa época na Galiza. A súa obra foi admirada por estudosos e entendidos, mais tamén por xente que, sen un especial interese nas artes plásticas, podían intuír na súa pintura o vínculo co popular, coa esencia dun pobo que fornecía de inspiración e recursos a un artista internacional. 

Onte inaugurouse na Fundación Laxeiro de Vigo a primeira exposición deste ano dedicado á súa memoria, Laxeiro descoñecido I. Obras inéditas da primeira época, que estará patente nas salas da súa sede de Vigo até o vindeiro 5 de xuño. A mostra exhibe 13 obras até o de agora inéditas, que se corresponden cos primeiros anos da traxectoria do artista. 

“Trátase dunha exposición intencionadamente pequena”, declara Javier Buján, presidente da Fundación e comisario da mostra, “pola excepcionalidade das obras que a compoñen, coas que tamén queremos subliñar a importancia do traballo de estudo e investigación que desenvolvemos e que permitiu a publicación do Catálogo Universal do artista en 2009, con 3.500 obras catalogadas. O traballo non se detivo aí, seguimos investigando, e esta mostra é o resultado das pescudas posteriores á publicación do Catálogo”. 

En realidade, Laxeiro descoñecido é un proxecto que abrangue dúas exposicións: esta que se inaugura agora, centrada fundamentalmente na década de 1930, e outra que terá lugar máis tarde con obra posterior, tamén descoñecida para o público. 

“Laxeiro aproveita o tema do Entroido para pararse nesa tradicional ruptura da orde estabelecida”, explica Buján, “e mostrar a duplicidade do ser humano.

Unha estética "atlántica" 

Composta por debuxos e pinturas procedentes de coleccións particulares, as trece obras permiten revisar esa primeira etapa da traxectoria do pintor na que ten unha grande importancia o popular, como as escenas de Entroido, nas que Laxeiro combina a descrición da tradición rural galega cunha mirada entre crítica e irónica que tende a ofrecer unha estampa máis ben esperpéntica do ser humano. “Laxeiro aproveita o tema do Entroido para pararse nesa tradicional ruptura da orde estabelecida”, explica Buján, “e mostrar a duplicidade do ser humano. Laxeiro é un pintor de homes e mulleres, interésalle a figura humana e o todo o que pode expresar a través dela”. 

A exposición permite deterse noutros motivos ben queridos polo pintor, como os derivados do mundo da infancia e, sobre todo, os que se relacionan co románico popular, do que tomará moitos elementos para ir construíndo unha linguaxe propia que, naqueles anos, foi coñecida como estética granítica. 

"O que observamos é que se van afianzando cada vez con máis fundamento as teorías de aqueles críticos que relacionan a obra de Laxeiro cos chamados realismos de entreguerras europeos, unha figuración social que ten unhas lecturas nacionais moi concretas", di Javier Buján

"Sempre que atopas obra nova dun artista ábrense camiños para interpretar a súa produción", di Buján. "Nesta exposición non se van atopar grandes novidades que revolucionen o coñecemento que xa tiñamos sobre Laxeiro, pero si que nos permiten seguir afondando en determinados aspectos que talvez non foron o suficientemente divulgados. O que observamos é que se van afianzando cada vez con máis fundamento as teorías de aqueles críticos que relacionan a obra de Laxeiro cos chamados realismos de entreguerras europeos, unha figuración social que ten unhas lecturas nacionais moi concretas". 

O rexeitamento do academicismo e o enraizamento coa estética popular galega, afastada da tradición mediterránea, vai dando lugar a unha linguaxe única que ofrece unha visión "atlántica" do mundo que probabelmente, tivo moito que ver coa rápida aceptación popular dunha arte adscrita, en principio, ás vangardas.

"As obras da exposición que teñen a ver co tema do Entroido son interesantísimas", acrecenta Buján, "e móstranos esa súa vocación narrativa e fabuladora. Sempre tiven a opinión de que  a súa experiencia como axudante de escenografía no Teatro Martí de La Habana reforzou esa vertente histriónica de Laxeiro, que xa era célebre no seu Lalín natal por esa inclinación a contar contos e a ser o centro de atención en calquera ocasión festiva que se presentase".  

Comentarios