Un Laxeiro máis audaz e menos coñecido

Despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicar o Día das Artes Galegas deste ano a Laxeiro, un dos referentes da vangarda pictórica, a exposición 'Foi un home. Laxeiro en América' inaugúrase esta terza feira no Museo Centro Gaiás, formando parte dos actos que celebran a vida e a obra do artista de Lalín.
'O mundo', 1964, unha das pezas de Laxeiro que se poden ver na exposición. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'O mundo', 1964, unha das pezas de Laxeiro que se poden ver na exposición. (Foto: Nós Diario)

A mostra conmemorativa itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970), inaugúrase esta terza feira no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. A exposición contén pezas procedentes de coleccións privadas e de varias institucións. Todas teñen en común que foron realizadas entre 1950 e 1970, período en que o pintor se instalou en Bos Aires.

En 1951 Laxeiro viaxou a Bos Aires para participar nunha exposición de artistas galegos comisariada por Luís Seoane e acabou instalándose na capital arxentina por un período de case dúas décadas. Durante eses anos, entra en contacto co exilio bonaerense que procura a continuidade co galeguismo das décadas inmediatamente anteriores ao golpe de Estado (Seoane, Blanco Amor, Dieste, Lorenzo Varela, Díaz Pardo...) ao tempo que coñece de primeira man o rico panorama artístico da cidade e as novas tendencias internacionais.

"É importante sinalar que o motivo da viaxe é, en principio, a asistencia a esa exposición argallada entre Luís Seoane, na Arxentina, e Paz Andrade e Del Riego, desde Vigo", explica Carlos L. Bernárdez, comisario da mostra, en conversa con Nós Diario. "E aquela exposición situábase dentro dunha serie de estratexias de promoción da cultura galega que o mundo do exilio estaba promovendo cunha evidente intención política", di.

A retrospectiva, de feito, complétase con pinturas de autores como Carlos Maside, Manuel Prego de Oliver, Manuel Pesqueira, Antonio Faílde, Luís Seoane ou Julia Minguillón, que recrean simbolicamente esta exposición de Bos Aires de 1951 que motivou a marcha de Laxeiro a América.

Un ambiente cosmopolita

Laxeiro xa participara da renovación artística galega antes do golpe de Estado; frecuentara a compañía de Castelao, Otero Pedraio, Vilar Ponte, Dieste, Lorca ou Valle Inclán; foi amigo de Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego, Lugrís ou os irmáns Illa Couto...

A obra daquela altura integrábase nun movemento que pretendía renovar as artes plásticas galegas en consonancia coa pretensión das Irmandades da Fala e a revista Nós de dignificar e conectar a cultura galega coa europea a través das vangardas.

"Laxeiro xa fixera moitas obras importantes antes de chegar a Bos Aires, xa era un artista maduro. Mais a chegada a Bos Aires significa escapar dos condicionamentos que existían na España franquista e entrar en contacto cun mundo como era o da capital Arxentina, que naqueles momentos era moi aberto, moi diverso, con moitos artistas traballando en tendencias renovadoras e, ademais, moi informado sobre todo o que estaba ocorrendo en Europa e en América, con moitas publicacións especializadas e cunha crítica ben informada".

Para Bernárdez, o encontro con todo aquel mundo provocou "unha notábel evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto con aquel mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina".

De todas formas, Laxeiro, como Picasso, mantén por veces unha dupla linguaxe. "Por unha parte, continúa facendo obras magníficas que continúan o ronsel do estilo granítico que creara en décadas anteriores". Algunhas das obras presentes na exposición, de gran formato, dan, fe desa continuidade.

Pero por outra parte, está facendo obras diferentes "nas que xa se move nunha linguaxe moi próxima á abstracción. Na mostra pode comprobarse como estas obras están realizadas no mesmo período de tempo, xogando con diferentes rexistros".

Bernárdez subliña que esta exposición permitirá ver outro Laxeiro. "Non é que se presenten grandes novidades, mais si que existe unha imaxe de Laxeiro un tanto tópica, moi asociada a un certo tipo de estética. Mais nas obras que se xuntan aquí si que se poderá recoñecer un Laxeiro plenamente conectado coa modernidade posterior á Segunda Guerra Mundial, mesmo cando o artista xa estaba próximo aos sesenta anos".

"Hai obras moi potentes, algunhas que non se ven na Galiza desde hai tempo, que sorprenderán pola súa audacia e por estar moi afastadas doutra lectura máis enxebrista de Laxeiro", acrecenta o comisario da mostra.

A exposición viaxa desde o Lalín natal de Laxeiro até a capital de Francia

A mostra Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970) permanecerá aberta no Museo Centro Gaiás, en Compostela, até o vindeiro 18 de decembro. A exposición xa se puido ver, con algunhas variacións, no Museo Ramón María Aller de Lalín -vila natal do pintor- e na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. Posteriormente poderá verse no Instituto Cervantes de París, onde se instalará a principios do vindeiro 2023.

Comentarios