Tomiño recupera a memoria da música represaliada

O artista Xurxo Souto impartirá un obradoiro sobre músicos e músicas asasinados polo franquismo.
O músico e escritor Xurxo Souto, coa súa característica buguina, nunha actuación (Foto: Nós Diario).
photo_camera O músico e escritor Xurxo Souto, coa súa característica buguina, nunha actuación (Foto: Nós Diario).

O Concello de Tomiño desenvolve este sábado, 19 de novembro, un obradoiro sobre música represaliada durante o franquismo a cargo do escritor, actor, director e locutor galego Xurxo Souto.

A actividade está enmarcada no programa O Pasado Por Vir, impulsado pola área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e que pretende axudar o público  asistente a "tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a ditadura franquista segue a funcionar e definir en parte o presente da nosa música".

O obradoiro constará de diferentes testemuños orais, así como diferentes referencias literarias coa pretensión de que esas achegas “sirvan de estímulo para que as persoas que participen na actividade conten as historias dos e das artistas da súa contorna”, salientaba o Concello nun comunicado.

Fronte á barbarie, música

En conversa con Nós Diario, Xurxo Souto explica que este obradoiro, que xa impartiu noutros concellos, responde a unha cuestión "evidente". "A memoria histórica é unha realidade ampla que abrangue todos os sectores da sociedade, e a música non escapa diso".

O artista recoñece que a represión exercida polo franquismo  tivo como consecuencia que "a historia de moitos músicos e músicas do país xamais fose contada". "Non só afectou directamente artistas como Constante Moreda e Manuel del Río Manda, asasinados polos falanxistas; tamén as súas familias, como o pai de Pucho Boedo, líder obreiro da CNT", precisa.

Neste sentido, Souto detalla que nos obradoiros "conta todas estas historias e escoita a que lle contas os asistentes, para que non se perdan na memoria". "Fronte á barbarie e o silencio, reivindicamos a memoria e a música", asegura. Sobre a campaña da área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, subliña que serve para corrixir unha "anomalía histórica". "Este é o traballo das institucións, porque nos representan a todos e a todas", conclúe Souto.

Recuperar o "esplendor musical" roubado 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, explicaba que “con esta actividade búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936". 

Comentarios