Poesía e música para lembrar as represaliadas do franquismo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) están detrás dun proxecto memorialístico no que pretenden homenaxear mulleres asasinadas polo réxime franquista. A iniciativa parte dos poemas de Claudio Rodríguez Fer, que foron musicados por solistas e bandas lucenses, que darán a coñecer as pezas esta sexta feira.
Cartel promocional da actividade pola memoria democrática. (Foto: Nós Diario) #franquismo #mulleres #memoria #lugo
photo_camera Cartel promocional da actividade pola memoria democrática. (Foto: Nós Diario)

As mulleres que padeceron a represión do franquismo recibirán unha sentida homenaxe en Lugo a través da cultura grazas á iniciativa "Mulleres na memoria" da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). 

Este proxecto colaborativo aposta na poesía e na música para recuperar a memoria das galegas que foron asasinadas polo réxime franquista. Para concretar a idea, tomouse como referencia a obra Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer, que precisamente recolle pezas dedicadas ás vítimas. 

A partir de aí, pediuse a cinco solistas e grupos lucenses que fixeran as súas composicións, polo que se ocuparon da selección de poemas e de documentar e contextualizar cada un da man do poeta para dar forma a cancións que se darán a coñecer na quinta e na sexta feira, 14 e 15 de outubro, ás 20.30 horas na Casa do Saber. 

Pezas musicadas para as vítimas do franquismo

Na quinta tomarán a palabra Rodríguez Fer e Carmen Blanco para dar voz ás represaliadas a través do recital-conferencia 'Vivas en nós'.

Aliás, fornecerán unha explicación do proxecto memorialístico. 

"O proxecto retoma unha obra de referencia na restauración da memoria das mulleres represaliadas polo franquismo, involucrando novas xeracións de artistas e os seus públicos", afirma Ferreiro

Xa na sexta será a quenda de tocar de Hit the Bit (que musicou a peza "A Juana Capdeville"); Olalla Caamaño ("Un tranvía chamado Ucraína"); Iria Estévez e Gonzalo Piña ("Mulleres libres no monto"); Los Zorros ("E aínda lle chaman comunista"); e Paloma Suanzes ("As tres mapoulas de Montecubeiro"). 

"O proxecto retoma unha obra de referencia na restauración da memoria das mulleres represaliadas polo franquismo, involucrando novas xeracións de artistas e os seus públicos", destaca sobre este plan a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro. 

Comentarios