Festa e confraternidade na foliada de memoria da Deputación de Pontevedra en Moneixas

O acto, conducido por Xurxo Souto, reivindicou "o talento, as ideas e compromiso das e dos artistas represaliados polo franquismo".
fotopeche
photo_camera Foto de familia na clausura do acto (Foto: Deputación de Pontevedra).

O Souto de Chousa da Porta encheuse hoxe de xente e de memoria histórica grazas á Foliada da Memoria da Deputación de Pontevedra co obxectivo de “reivindicar o talento, as ideas e compromiso das e dos artistas represaliados polo franquismo logo do golpe do 36”.

A festa contou coa presenza de  veciñanza da comarca do Deza, moita vencellada aos Dezas de Moneixas, pero tamén de xente chegada de Pontevedra, Vigo e Poio nunha confraternización que durou toda a xornada con música e actividades.

No acto inaugural, conducido por Xurxo Souto, foron numerosas as voces que se uniron ao insistente berro de ‘Medre a Memoria!’ que se repetiu durante todo o día. A deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, foi a encargada de abrir os discursos.

Logo de agradecer a colaboración do Concello de Lalín para desenvolver a Foliada subliñou que era un día histórico por estar a recoñecer as ideas de persoas “que fixeron que a Galiza sexa hoxe o que é, que nos deron esperanza para que hoxe o país sexa grande, unha matria con tradición, lingua e cultura propias que foron semente que no seu momento quixeron silenciar”. “As ideas non se puideron silenciar, puideron aplacalas, pero cando rexorden fano con máis forza. Hoxe aquí defendámolas con tanta forza que nunca máis se poidan acalar”, insistiu.

"Onde houbo violencia, que haxa festa e fraternidade"

Logo da inauguración oficial tivo lugar a primeira das homenaxes da xornada. Nela lembráronse agrupacións como Os Dezas de Moneixas e o seu impulsor Xesús Froiz; os gaiteiros de Xinzo; o gaiteiro de Cabral Constante Moreda; as e o irmán Cordal; e Manuel del Rio Mandayo.

Xurxo Souto lembrou que a foliada celebrouse en Moneixas por ser o lugar de nacemento da agrupación Os Dezas de Moneixas, que acompañou antes do 36 ao Partido Galeguista en todos os seus actos e que recibiu no seu momento unha proposta de homenaxe na que Castelao e Vítor Casas ofrecerían unha bandeira galega.

O historiador e investigador Manuel Igrexas destacou que Xesús Froiz  foi paseado polos contidos republicanos das súas publicacións tras a súa detención o 4 de agosto do ano do golpe de estado. Subliñou que “esa homenaxe que non se lle fixo no 36 estáselle a facer hoxe”, arrincando os aplausos do público.

Xerardo Santomé e Xavier Moreda foron os encargados de lembrar a Constante Moreda, gaiteiro de Cabral, comprometido co Partido Comunista que foi o único que gañou a Avelino Cachafeiro en competición oficial. A súa derradeira aparición pública foi o propio 18 de xullo do 1936,o día do golpe fascista, xa que foi asasinado polo seu compromiso e loita pola igualdade no xenocidio iniciado en Vigo. Unha das agrupacións da Foliada tocou na súa honra a ‘Muiñeira de Constante Moreda’.

O investigador Alberte Pérez falou do asasinado José Gómez Avelaira, integrante dos Gaiteiros de Xinzo da Costa, unha agrupación que interpretaba a danza gremial da Unión de Agricultores. O músico foi amigo persoal de Benigno Álvarez, alcalde de Maceda, e por iso e pola súa ideoloxía foi torturado, extorsionado e asasinado polos fascistas.

Outra das figuras homenaxeadas foi Manuel del Río Mandayo, ebanista e gaiteiro afeccionado que foi paseado en outubro de 1936. A súa represión non rematou só no seu asasinato, senón que parte da familia tivo que estar agochada e as mulleres foron rapadas e vexadas facéndoas desfilar co pelo a cero polas rúas da vila facendo que berrasen ‘Viva Franco! Arriba España!’. A voz sobre esta historia correu a cargo do neto, Leandro del Río, quen recolleu un agasallo da man da deputada María Ortega.

Finalmente a homenaxe a Pastora e Cándida Cordal foi da man da escritora Montse Fajardo. Elas eran, dixo, dúas mulleres afeccionadas á pandeireta que foron vexadas polos falanxistas por estar emparentadas cun home comprometido cos valores republicanos. O seu irmán, Castor Cordal, era sindicalista, e nas eleccións do 36 fora interventor nunha mesa electoral cando o triunfo da Fronte Popular. 

Homenaxe á traxectoria dos Dezas de Moneixas

Ademais de pola mañá tamén tivo lugar pola tardiña unha homenaxe á traxectoria dos Dezas de Moneixas por ter mantido a agrupación ao longo do tempo e a día de hoxe contar cunha grande participación de crianzas na súa escola.

Ás 19.15 da tarde foi o momento de lembrar boa parte dos integrantes. Participou Luisa Baldonedo González, neta do gaiteiro e fundador dos Dezas, José Benito González; Ana González Iglesias, neta do caixa Manoliño González, que recibiu un agasallo de mans de Ernesto Horacio Taboada, actual presidente dos Dezas. Lembrouse á bailadora María González cun agasallo ao seu fillo Ángel Areán; Dario González para o seu fillo Gonzalo González; e a Isaura González, recollido polo seu fillo Darío Areán.

Acto seguido fíxose unha entrega de agasallos á segunda fornada de gaiteiros: Ismael González, o Coucho (recollido pola filla Lita González); Luís González Iglesias (recollido polo fillo José Manuel González); Manuel Lage (recollido pola súa filla Vicky Lage). Logo Manolo González fixo entrega dun recordo da Foliada de Memoria a unha das nenas que forman parte da actual escola; tamén se lembrou a Julio García Pereiro, e Manolo Troitiño Fernández, de Laso, así como alguén moi queridoi para os Dezas, Mario González, fillo de Manoliño o fundador da agrupación orixinal. Por último, a deputada entregou un cadro de lembranza a Alfonso González. 

Bandaló, Pandereteiras Bouba, Os Dezas de Moneixas, Varacuncas e as Pandereteiras de Botos foron as e os responsables de meter a música na xornada, xunto aos propios Dezas de Moneixas, Arco de Merza, Varacuncas e Pandereteiras de Botos. Un xantar popular, obradoiros de canto e baile, unha sesión de monicreques a cargo da compañía Viravolta Títeres e un especial fin de festa con Bandaló deron entretemento no resto do día.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
comentarios