Estas son as primeiras bandas confirmadas para o Festival de Ortigueira

O alcalde da vila anunciou as primeiras confirmacións en Fitur

Valentín Calvín, esta cuarta feira, en Fitur. (Foto: Festival de Ortigueira)
photo_camera Valentín Calvín, esta cuarta feira, en Fitur. (Foto: Festival de Ortigueira)

Como vén sendo habitual, o festival de música celta máis importante do Estado español (e un dos máis importantes do mundo) acostuma ser un fixo nas presentacións da Feira Internacional de Turismo (Fitur) que decorre en Madrid estes tías.

Ortigueira transfórmase durante a segunda semana de xullo na capital da cultura celta e a ela chegan seguidores, fieis, folkies, tradis, turistas e curiosos de todas as partes do mundo a compartir catro días cargados de cultura, música, talleres e boa comida.

Na súa intervención, o alcalde e responsábel do festival, Valentín Calvín, avanzou os primeiros nomes da que é sen dúbida unha cita ineludíbel entre os festivais do verán galego.

Así, Calvín confirmou a asistencia das Fillas de Cassandra. María Pérez (voz e percusión) e Sara Faro (voz, percusión e piano) subiranse ao escenario principal do festival por primeira vez para compartir co público da Alameda a súa tradición musical e oral cunha combinación de folklore, electrónica, pop e dramaturxia.

Internacionais

No plano internacional, Green Lads aterrará por primeira vez na Galiza para debutar en Ortigueira coa súa mestura de música irlandesa e ritmos electrónicos. O grupo bretón leva desde 2018 sendo unha das formacións punteiras en Francia.

A banda escocesa Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band repetirá no festival, pero esta vez como campións do mundo, pois veñen de proclamarse por primeira vez como gañadores do Campionato Mundial de Bandas de Gaitas, celebrado o pasado agosto en Glasgow.

O rexedor anunciou tamén a actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira. A fundadora do festival é un dos seus elementos fundamentais, e este ano máis se cabe, pois forma parte do recentemente formado Comité Organizador, creado para unha “mellor xestión do evento”.

Comentarios