O sestercio da caetra, declarado BIC en setembro, podería vir ao Museo Provincial de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo negocia a compra da moeda para que pase a formar parte da colección do Museo Provincial.
Detalle do Sestercio de Augusto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Detalle do Sestercio de Augusto. (Foto: Nós Diario)

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo xestiona a incorporación ao Museo Provincial do sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda declarada Ben de Interese Cultural (BIC) o pasado mes de setembro e case única, da que só se coñecen tres exemplares coas súas características no mundo.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, explicou que “recibimos unha proposta do coleccionista que é propietario da moeda, mostrando o seu interese en que pase a formar parte da colección do Museo Provincial de Lugo.

Tendo en conta o seu valor cultural e a súa importancia para o estudo das relacións entre castrexos e romanos durante a romanización, optamos por atender a oferta e  iniciar os trámites necesarios para facer efectiva a compra”.

A responsábel de Cultura sinalou que “o Museo Provincial de Lugo é o mellor espazo posíbel para conservar e expor á cidadanía esta moeda única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización" e destacou que "a propietaria mostrou especial interese na incorporación ao Museo polo traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección numismática"

Moeda do século I a.C.

A moeda ofrecida ao Museo Provincial de Lugo  é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra no reverso. A peza non presenta marcas de ceca nin de datación, polo que a súa data de emisión e lugar de produción non están definidas e seguen a ser obxecto de investigación.

A falta doutros datos,  as achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles que acompañaban o exército ou a cecas como a de Lucus  (Lugo), Emerita (Mérida) ou Colonia Patricia (Córdoba).

De completarse a adquisición, sería a única moeda destas características exposta ao público na Galiza. O outro exemplar, atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), consérvase no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga; e a outra da que se ten noticia vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido.

O sestercio ofrécese como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas, cos que se complementaría a exposición de moedas e medallas do Museo Provincial de Lugo.

Comentarios