Sés inicia en Madrid unha xira con concertos en Euskadi, Catalunya e Galiza

Actuará en prazas como Hospitalet ou Bilbo, ademais das actuacións que dará en Compostela, Lalín, As Pontes.  

SES

SES e a súa banda encetan unha nova xira, actuacións nas que presentará o seu traballo 'Tronzar os valos'. A xira comezará o vindeiro 25 de febreiro en Madrid, no Teatro Lara, onde amosará a súa aposta escénica na que a actitude punk e potencia van da man da reivindicación, do rock, da tradición oral galega e os ecos da canción latinoamericana. De Madrid pasará a Hospitalet de Llobregat, onde actuará o día 27 no marco do 'Let´s Festival'.

O seguinte concerto será en Galiza, o 5 de marzo, no Cocido do Orgullo de Lalín. Da capital do Deza SES e os seus pasarán a Bilbo, o 11 de marzo, para tocar na sala Azkena de Bilbo. O 19 de marzo estará nos cines Alovi das Pontes e o 31 dese mes porá o ramo a esta pequena xira no Teatro Principal de Santiago de Compostela

‘Tronzar os valos’

Este terceiro disco da cantora bergantiñana suma as enerxías do rock e da canción de autor de América Latina en doce temas de beleza e combate. Doce cancións nas que adentrarse no seu universo. Porque a SES de “Tronzar os valos” é máis SES que nunca.  

Comentarios