A música de Mondra, o teatro de Chévere e o avance do galego na igrexa protagonizan o 'Sermos Galiza'

O semanario acompaña este sábado, 24 de febreiro, o xornal 'Nós Diario' cun prezo total de 3,20 euros, e ficará á venda durante toda a fin de semana.
Detalles do novo número do 'Sermos Galiza' que sae á venda este sábado.
photo_camera Detalles do novo número do 'Sermos Galiza' que sae á venda este sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 24 de febreiro un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Martín Mondragón, coñecido no mundo da música como Mondra, é o nome propio desta nova entrega. Entrevístao a xornalista Ana Loureiro con motivo da publicación do seu último disco, ARDĒN, un traballo no que fala dos coidados e reivindica as disidencias a través dun espectáculo que chama á liberdade, á festa e á loita.

"ARDĒN é unha terra coa que eu buscaba facer un símil da miña realidade social e política, mais para min era moi interesante facelo desde un lugar ficticio no que representar certas opresións e presións sociais que vivimos na Galiza. Eu quería facelo noutra xente que non son os galegos e as galegas, nas Ardentes, e nunha terra que non era xograficamente localizábel, un espazo no que recoller todas esas opresións, como o heteropatriarcado ou as disidencias", explica nesta extensa conversa.

Do latín ao galego: o lento camiño da igrexa

A necesidade de apertura e diálogo que promoveu o papa Xoán XXII co Concilio Vaticano II supuxo unha mudanza total que aínda ecoa hoxe. Tamén implicou un cambio radical na liturxia católica e nos usos lingüísticos, na que o latín deixaba paso ao uso das linguas propias. Tardou o galego máis anos que castelán, vasco e catalán. O 25 de xullo de 1965 foi a primeira misa en galego, pero aínda pasaron máis de tres anos até lograr a aprobación vaticana. Hoxe, o uso do galego aínda segue sendo minoritario nas parroquias. Disto fálanos o xornalista Xan Carballa na reportaxe que abre o Sermos.

Primeiro hai que situarse no escenario anterior á celebración do Concilio Vaticano II, que explicaba o crego e historiador Francisco Carballo como "un movemento para superar o tipo de igrexa que viña da Contrarreforma. Notábase sobre todo en zonas de Francia e algúns países europeos. Xoán XXIII, que estivera en Francia, capta o fenómeno. Procedía ademais do mundo da historia da Igrexa e era sensíbel á necesidade de cambio".

O que non se di: o teatro documental de Chévere

A segunda reportaxe corre a conta do xornalista Manuel Xestoso, que analiza a volta aos escenarios de Chévere cunha obra que volve romper coas expectativas. Hellen Keller: a muller marabilla? recunca no teatro documental pero, ao tempo, vai máis alá, interrogándose sobre as estratexias narrativas empregadas, pondo en cuestión o propio método de traballo, abrindo novos camiños para a relación co público. Historia e mentira, integración e marxinación, disidencia e sometemento aparecen nunha obra que se interroga sobre o que non se di e, sobre todo, por que non se di. Teatro en estado puro.

Helen Keller, nada en Alabama en 1880, converteuse nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os oito anos. O relato oficial converteuna nun exemplo de superación da discapacidade e nun referente dos discursos motivacionais. Mais a investigación da compañía descubriu outras facetas que, curiosamente, eran ocultadas. "Todo comezou cunha proposta de Chusa [Pérez de Vallejo], que é intérprete da lingua de signos, quería facer un traballo sobre a figura de Helen Keller, a quen eu descoñecía por completo", explica Xesús Ron, director do espectáculo e un dos piares da compañía.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero Varela achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Novo centauro, de Katixa Aguirre con tradución de Isaac Xubín (Aira, 2023), e O tempo dos lagartos, de Carlos Negro e Raquel Senra (Galaxia, 2023).

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco Inner Monologues, de Carlos Azevedo (Timbuktu, 2024). Pola súa parte, David Regueiro fálanos de Round Midnight.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Chichi e máis eu (Nico Campos, 2023, Galiza), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Branca Novoneyra analiza en A Palabra Futura unha escolma de poemas de June Jordan. Aliás, Anxo Fole propón un menú de fin de semana para xantar entre o Entroido e a Coresma.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 24 de febreiro, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios