Todo sobre o Entroido, no 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Entrevistamos ao estudoso Rafael Quintía e analizamos os aspectos máis característicos desta festividade na Galiza.
Escolma de imaxes do 'Sermos Galiza' deste sábado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Escolma de imaxes do 'Sermos Galiza' deste sábado (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana, e que desta volta está centrado na chegada do Entroido. Felipe-Senén López Gómez asina a reportaxe titulada 'Entroido galego: variedade, ostentación, tradición, creación... competencia', na que analiza a ampla variedade de celebracións que por estas datas teñen lugar ao longo de todo o país.

Analiza tamén as distintas máscaras do Entroido, "que neste reino da liberade, da sátira e da retranca se acompañan con representacións parateatrais, con sermóns, apropósitos, un universo ao que non foi allea a creatividade galega, velaí a obra de Laxeiro, de Quessada... E velaí o rico repertorio de máscaras galegas con orixes antigas e anovadas, con nomes que fan alusión a algún dos seus atributos", explica, nomeando algunhas como os boteiros, os cigarróns ou os panfarróns.

O Entroido temperán

O Entroido comeza na Galiza moito antes das datas nas que se celebra en boa parte do mundo, pois vai alén do sábado e domingo de Entroido, do mércores de cinza e do enterro da sardiña. E nesta cuestión afonda Elvira Branco na reportaxe 'O Entroido temperán'.

"O Entroido máis tradicional leva xa varias semanas enchendo de ritos e tradicións as rúas das vilas e aldeas que foron quen de conservar durante séculos e practicamente intactos estes festexos. Alén da fin de semana común en todo o país, o calendario do Entroido galego esténdese dende o Nadal até a Coresma, colgando no caso de Xinzo o galardón de Entroido máis longo de Europa", apunta.

Entrevista a Rafael Quintía

A entrevista deste novo número do semanario corre a conta de Antón Escuredo, que conversa co antropólogo Rafael Quintía, un dos estudosos que máis traballou nos últimos anos profesionalmente esta celebración invernal, recuperando testemuñas e achegando novas perspectivas sobre o futuro dos rituais que agora forman parte do percorrido turístico da Galiza.

"O Entroido é un corpus ideolóxico común é único. Despois, hai diferentes expresións do Entroido en cada lugar, algunhas das cales desapareceron. En cada lugar tiña a súa particularidade, o seu modo, cunha gran riqueza de matices e de expresións que ademais serven para crear identidade local e cada lugar. Por tanto, cando un crea identidade, crea a partir de alteridade, de oposición aos do lado. Tentas diferenciarte para reforzar a túa identidade. Iso provoca toda esta diversidade de formas do Entroido. Por iso é o máis rico e diverso de Europa", indica Quintía.

Natureza, literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, o colectivo Xea lévanos a camiñar pola beira do Miño, a través da ruta Meilán-Ombreiro, polos concellos de Lugo e Outeiro de Rei.

Tensi Xesteira analiza no apartado literario Outono aquí, un libro de autoría de Mario Regueira e publicado pola editorial Menino Morreu en 2022, namentres Susana Sanches Arins fálanos de Neko, unha obra da autora Eva Mejuto.

No apartado musical, Belém Tajes analiza a traxectoria das galegas Samudra Trío e analiza o seu traballo Odisea. Fala tamén do remix de Ortiga con Pili Pampín do clásico O galo, ao tempo que César Morán asina o artigo titulado 'Os esquecidos setenta: o que ficou oculto'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla os filmes máis salientábeis da carteleira actual comezando por TÁR, de Todd Field, e Manuel Xestoso analiza a obra de teatro Vox populi, de Malasombra, na sección de Escena.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios