'Sermos Galiza' atopáse coa comedia feminista de A Panadaría

"A comedia ofrece moitas ferramentas: a sátira, a parodia, o grotesco... E esa variedade permíteche ser moi libre á hora de facer un teatro político", declaran nesta extensa conversa.
Detalles do 'Sermos' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. Desta volta. As protagonistas son Alién Kendelman, Noelia Fernández e Areta Bolado, as integrantes da compañía de teatro A Panadaría. Manuel Xestoso entrevista ás autoras de Elisa e Marcela e As que limpan, dous espectáculos que triunfan en toda a península coa súa particular fórmula de humor, feminismo e crítica social.

"O problema segue sendo, precisamente, que sexas unha cota. Que te programen en marzo, porque é o mes da muller, en xuño porque é o do orgullo ou en novembro porque é o da repulsa das violencias machistas. A cuestión sería programar espectáculos que teñan porcentaxes igualitarias entre mulleres e homes ou que aborden esas temáticas durante todo o ano”, sinalan na conversa que se publica este sábado

Memoria do exilio

O centenario de Mariví Villaverde dá pé para que Montse González debuxe un perfil biográfico dunha das persoas que máis se comprometeu coa recuperación da memoria das persoas exiliadas tras o golpe de Estado de 1936.

"Medrara entre a maioría un irónico escepticismo. Xa non crían, xa non esperaban nada. Estaban seguros de que nada ía cambiar: a vida era aquela, boa ou mala, e había que tomala como viña. Era preciso renunciar ás utopías. Había que resignarse, afacerse, deixarse ir. Pero, individualmente, cadaquén quería dar fe das súas posibilidades dentro daquel estado de cousas, quería entregarse a algo que absorbese a súa capacidade mental, que colmase en certa medida as súas ansias”, lembraba Mariví Villaverde na súa biografía.

Os Cal

A segunda reportaxe deste número está dedicada á saga dos Cal: Antón Escuredo indaga na vida de tres xeracións de fotógrafos de Redondela que transformaron a súa paixón en algo constante ao longo de toda a súa vida. Saturno, Avelino, Mundo e Félix Cal deixaron testemuño directo dun século de vida redondelá.

Agora, un proxecto editorial, A ollada dos Cal, agrupa desde os primeiros traballos de Saturno Cal, no inicio do século XX, pasando pola obra de Avelino Cal, mediado o século, até a última etapa na que baixo a marca comercial Cal-3, desenvolveron os irmáns Mundo e Félix Cal.

Cine, teatro, literatura

O experto en cinema Andrés Castro analiza un dos filmes que máis están dando que falar nesta tempada, As bestas, de Rodrigo Sorogoyen, mentres que o crítico de teatro Manuel Xestoso comenta Smoke on the Water, unha obra de Santiago Cortegoso posta en escena pola compañía Ibuprofeno Teatro con Josito Porto, Belén Constenla e Adrián Ríos como protagonistas.

Tensi Xesteira analiza na sección de libros O encaixe de Bruxelas, un suxestivo libro de Luz Darriba -artista polifacética, articulista e escritora- que parte de experiencias persoais para crear “unha novela-río, que se le coa emoción mais tamén coa razón”, en palabras de Xesteira. Manuel López Foxo, pola súa parte, fálanos de A unidade e a harmonía da realidade, o último ensaio publicado por Vitorino Pérez Prieto que  aborda a “necesaria reconciliación coa natureza e o cosmos, imprescindíbel para refacer as nosas vidas e recompoñer a harmonía rota”.

No apartado musical, Belém Tajes fálanos do disco Aquí, da banda De ninghures, “un bo exemplo de esforzo, e tamén de que hai continuidade, de apertura pero de bo xeito”; mentres que César Morán lembra a amizade entre Silvio Rodríguez e o recentemente falecido Pablo Milanés.

Aliás, o colectivo Xea lévanos a facer un percorrido pola Devesa de Zanfoga, entre o Courel e o Cebreiro, nas terras altas que acollen as nacentes do río Lor.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só tres euros!

Comentarios