Entidades culturais, sociais e políticas urxen a Xunta a evitar o feche de Sargadelos
No seu momento, o empresario Segismundo García apelou á falta de profesionalidade empresarial de Isaac Díaz Pardo para xustificar a operación que o apartou da dirección do grupo empresarial. Esta cuarta feira, García anunciou que ía fechar a empresa e non por problemas económicos, senón -segundo as súas propias palabras- para non ter que cumprir con requirimentos da Inspección de Traballo.
García anunciou esta cuarta feira o fechamento do grupo en Cervo e Sada, unha noticia recibida con sorpresa por máis das 200 persoas traballadoras da empresa, xa que o comportamento económico estaba sendo bo, tras varios anos consecutivos de problemas que incluíron un concurso de acredores, despedimentos, expedientes de regulación de emprego (ERE) e unha suspensión de pagamentos.
Despois de que unha inspección detectara máis dunha trintena de deficiencias nas instalacións e instara a arranxalas, o propietario da empresa decidiu botar o fechamento de forma inmediata, "canso" dos "impedimentos burocráticos" aos que debe facer fronte e que, segundo di, non lle compensan os esforzos que ha de facer para manter vivo o proxecto.
Un caso de silicose
O anuncio de fechamento prodúcese poucos días despois de que se coñecera unha multa de 5.000 euros por 36 deficiencias identificadas e comunicadas á empresa. A enfermidade sufrida por unha traballadora que desenvolveu silicose foi o motivo que levou a Inspección de Traballo e Seguridade Social a realizar a inspección nas instalacións de Cervo (A Mariña). Este organismo sancionou a empresa por "non adoptar medidas de protección individual e colectiva para protexer os traballadores do risco de exposición á sílice cristalina".
O presidente do Comité de Empresa da fábrica de Sargadelos en Sada (comarca da Coruña), Salvador González, amosou a súa "preocupación" polo anuncio do fechamento das instalacións de Cervo, aínda que confirmou que ao Comité non se lle transmitira ningunha medida deste tipo. García, porén, comunicou por escrito á Inspección de Traballo e Seguridade Social que "a día de hoxe [por esta cuarta feira] procédese ao fechamento da planta de produción da factoría debido á imposibilidade de solucionar en prazo as deficiencias" detectadas por Traballo.
O proxecto de Díaz Pardo
A dirección de Segismundo García estivo envolta na polémica desde o momento en que se levou a cabo aquela operación que apartou Díaz Pardo da dirección do grupo empresarial que creara en colaboración con Luís Seoane, transformándoo nun proxecto que ía máis aló dunha simple fábrica de cerámica e que pretendía converterse nunha empresa potente, mais que fixese país na creación cultural e informativa e no benestar social.
Ademais dos continuos vaivéns económicos polos que pasou a empresa e que deron lugar a numerosos contenciosos laborais, voces do mundo político e cultural acusaron a nova dirección de desnaturalizar o proxecto inicial apoiándose en figuras que representaban un ideario radicalmente oposto ao que serviu como motor da iniciativa de Díaz Pardo e Seoane.
O uso da imaxe da ex líder de UPyD Rosa Díez, a comercialización dun busto da raíña de Inglaterra Isabel II ou a organización de foros nos que se lles daba voz a líderes da extrema dereita provocaron a indignación de sectores da sociedade, que o interpretaron como un escarnio da vontade dos fundadores.
Visto con certa perspectiva, o anuncio do fechamento ao día seguinte de que se celebrara a obra e a personalidade de Isaac Díaz Pardo como figura central do Día das Artes Galegas suma un elemento máis á sospeita.
Laxitude da Xunta
A Xunta da Galiza sempre mantivo unha actitude de certa laxitude ante as, segundo os sindicatos, "faltas de respecto pola lexislación laboral vixente e polos dereitos laborais básicos", durante o período en que tivo que enfrontar conflitos laborais. Xa en 2018, por exemplo, García ameazou con fechar a planta se non cesaba a "presión sindical", despois de anunciar 49 despedimentos na fábrica de Cervo.
En 2020, a vinculación da dirección de Sargadelos coa dereita política pareceu máis evidente, ao fichar o grupo empresarial como asesora externa a Eva Cárdenas, parella do ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo e antiga directora da tenda de artigos de deseño, fogar e decoración de Inditex, Zara Home. Esa vinculación durou até que Núñez Feixoo pasou a liderar o PP a nivel estatal, en 2022, momento en que Cárdenas se mudou a Madrid con el.
O Museo Carlos Maside
A inacción da Xunta mantívose durante anos a respecto do Museo Carlos Maside de Sada. Buscando protección da edificación proxectada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat e das 1.517 pezas artísticas que contén e que constitúen unha das mellores coleccións de arte galega do país, partidos políticos, o Consello da Cultura Galega o Concello de Sada, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e os propios fillos de Isaac Díaz Pardo reclamaron a declaración de Ben de Interese Cultural para o Museo.
O Parlamento galego aprobou por unanimidade en 2010 unha proposición para que o Goberno galego iniciase os trámites para declarar BIC o museo. A proposta atopouse coa resistencia dos accionistas maioritarios do Grupo Sargadelos.
En outubro de 2020, a postura dos propietarios do grupo empresarial mudou, e o Padroado da Fundación Sargadelos comprometeuse a dar os pasos necesarios para reabrir o museo. Nese mesmo mes, a Xunta da Galiza anunciaba que entraba a formar parte do padroado da Fundación. Pero menos de dous meses máis tarde o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lourenzo, renunciaban aos seus asentos no padroado, deixando así a Xunta fóra da entidade. O movemento coincidía coa entrada de Eva Cárdenas, a parella de Alberto Núñez Feixoo, daquela presidente do Goberno galego, como asesora externa do Grupo Sargadelos.
Os tirapuxas continuaron até a reapertura do museo en xullo de 2023. Só entón a Xunta anunciou a incoación dun expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Museo Carlos Maside, trece anos despois de que a proposta fose aprobada por unanimidade no Parlamento galego.
Porén, ante a petición de que se estendese a declaración de BIC ao conxunto de edificacións do complexo de Cerámicas do Castro, Segismundo García decidiu fechar de novo o museo, sen que polo de agora se dese solución a un conflito que exixiría a intervención da administración polo relevo histórico e patrimonial do edificio e da colección de arte que alberga.
Precisamente, a Asociación Cultural Irmáns Suarez Picallo, que xogou un papel fundamental no proceso de declaración como BIC, mostrou nun comunicado "estupor e profunda indignación" ante o anuncio e convocou unha concentración fronte á fábrica de Cerámicas do Castro o vindeiro domingo.
Reacción da Xunta
Neste caso, e despois de que partidos e sindicatos lle exixisen algún tipo de intervención e de que se fixese evidente a preocupación social polo anuncio, a Xunta mostrou "a súa disposición a colaborar para garantir a continuidade de Sargadelos" e considerou que o expediente aberto non "aboca ao fechamento".
A través dun comunicado, o Goberno galego expresou a súa confianza en que, "co esforzo de todas as partes", se atope unha forma de permitir a continuidade do que cualificou como un "referente industrial e cultural".
O obxectivo, apuntou, é garantir o mantemento dos postos de traballo ao tempo que se vela polo cumprimento da lexislación vixente e a conservación e promoción do patrimonio cultural.
O Goberno galego afirma que o cumprimento da lexislación "non é unha traba", senón "un garante" para construír "unha contorna segura e adecuada para a saúde dos traballadores" e reafirma a súa disposición para colaborar e asesorar na procura de solucións. Mais tampouco esquece botarlle un cable ao empresario ao "recoñecer" que "a adaptación a determinados requisitos pode supor un reto", especialmente, en instalacións "de alto valor patrimonial como as de Sargadelos en Cervo, que están catalogadas como Ben de Interese Cultural".
Suceda o que suceda, as reaccións desencadeadas confirman que, malia todos os conflitos e cambios sufridos nos últimos anos, a sociedade galega segue a considerar Sargadelos como un emblema do país.
Partidos e sindicatos piden a intervención da Xunta
Nada máis coñecerse a decisión do dono de Sargadelos de fechar a planta, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, reclamou á Xunta de Alfonso Rueda que actúe "de inmediato" para impedir o peche do que é, dixo, un “auténtico emblema deste país” poñendo ademais en perigo centos de postos de traballo. “Sargadelos garda, ademais das fábricas de Cervo e Sada, unha parte esencial do patrimonio material e inmaterial de Galiza", afirmou.
Lara Méndez, viceportavoz parlamentar do PSdeG, anunciou unha batería de preguntas á Xunta da Galiza sobre esta situación e sobre "que ten pensado facer para evitar este feche. Estamos a falar dunha empresa que é un sinal de identidade da cultura galega", declarou.
A CIG manifestou a súa "absoluta oposición" ao anuncio da dirección de Sargadelos. A central nacionalista condena a forma de actuar deste empresario, "ao máis puro estilo trumpista, saltándose a lei e os dereitos das persoas traballadoras e mofándose da autoridade laboral por exercer as súas funcións de vixilancia" e e empraza a Xunta de Galiza a que adopte as medidas oportunas "para frear este atropelo".
Comisións Obreiras tamén fixo un chamamento directo á Xunta para que interveña porque "non é normal que un empresario, por ter unha multa de 5.000 euros por incumprir 36 normas laborais ameace con despedir os traballadores".
UXT, pola súa parte, afirmou que "ningún empresario pode estar por enriba da Lei e poñer en risco a saúde e seguridade dos seus traballadores e traballadoras" e mostrou a súa preocupación pola posíbel "perda dunha empresa emblemática para toda a Galiza e duns 200 empregos".