CULTURA

Sara García: "No Play-Doc imos recuperar e mostrar verdadeiras lendas do cinema documental"

Sara García: "No Play-Doc imos recuperar e mostrar verdadeiras lendas do cinema documental"

O festival de cinema documental Play-Doc de Tui volve do 4 ao 8 de maio. O evento ten aberto o prazo de inscrición para dúas das súas actividades formativas e vén de anunciar catro retrospectivas que recuperan a obra de Helke Misselwitz, Danny Lyon, Richard P. Rogers e António Campos. Nós Diario conversa sobre o festival e as actividades programadas coa súa codirectora, Sara García. 
A cofundadora do festival de cinema documental Play-Doc, con Artavazd Pelechian, director armenio (Foto: Tamara De La Fuente).
photo_camera A cofundadora do festival de cinema documental Play-Doc, con Artavazd Pelechian, director armenio (Foto: Tamara De La Fuente).

Como foi a preparación desta nova edición?

Tentamos adaptarnos todo o posíbel, igual que o resto de festivais, ás circunstancias do momento e a todas as medidas do protocolo sanitario. Por este motivo contamos con facelo dunha maneira híbrida, cunha parte online e outra presencial, sabendo que estes cambios perdurarán por moito que remate a pandemia. Non sabemos como será esta edición, se a xente acudirá en masa ás salas ou non. Espero atoparme co público de sempre e celebrar o festival en comunidade. A experiencia compartida presencial é insubstituíbel. Aínda que teñamos parte da programación en plataformas dixitais non hai nada como velo nun cinema e presentado polos cineastas. Poder conversar coa audiencia é toda unha experiencia.  

Houbo boa participación para a competición oficial?

Fechamos a convocatoria hai pouco e como sempre houbo unha participación moi numerosa. Aínda estamos nos últimos procesos de selección e en breve anunciaremos quen estará nas competicións internacional e galega.

Un dos elementos máis agardados do festival son as retrospectivas de cineastas. 

Si, sempre buscamos algo diferente. Queremos recuperar figuras e mostrar verdadeiras lendas do cinema documental que levan décadas sen verse. Nesta ocasión temos catro nunca antes vistas no Estado español e unha delas será estrea mundial. 

A primeira retrospectiva que veremos é a da cineasta alemá Helke Misselwitz, unha das realizadoras

máis importantes da última xeración da DEFA, a primeira compañía cinematográfica estatal da Alemaña Oriental tras a II Guerra Mundial. As películas que se poderán ver falan da desigualdade das mulleres baixo o réxime socialista, as dificultades das clases traballadoras e a perda da identidade cultural da mocidade.

Tamén veremos a primeira retrospectiva internacional dedicada a Danny Lyon, un prestixioso fotógrafo da Magnum, cuxo libro The Bikeriders está considerado como un dos documentos fundacionais do chamado 'Novo xornalismo'. As súas imaxes da vida carceraria, do movemento a favor dos dereitos civís e das nacións nativo-americanas son lendarias. Play-Doc presentará tamén en estrea internacional a súa última película, SNCC, finalizada en 2020 e na que recrea o apoxeo do movemento polos dereitos civís.

Outras estreas internacionais que teremos no festival serán catro películas do realizador norteamericano Richard P. Rogers, unha proposta comisariada polo director dos Arquivos Cinematográficos de Harvard, Haden Guest. Veremos en exclusiva as curtametraxes máis persoais de Rogers, unha sorte de autorretratos nos que utiliza a cámara non tanto para rexistrar o mundo como para darlle sentido, analizando de maneira crítica a súa propia vida e a súa arte. 

Por último, a cuarta retrospectiva desta edición estará protagonizada polo portugués António Campos, cineasta amador nado en Leiria, cuxa obra singular, complexa e marxinal, que por moito tempo xulgouse perdida, ocupa hoxe un lugar destacado dentro da historia do cinema portugués. As súas películas documentais e de ficción, de marcado carácter etnográfico e realizadas practicamente en solitario, rexistran a evolución social, económica e psicolóxica dun país en plena transformación. 

Que outras actividades paralelas terá o festival?

Interésanos tamén ter un lugar de encontro para novas e novos cineastas e este ano puxemos outra vez en marcha o Seminario da Crítica en colaboración con A cuarta parede. Ademais organizamos un obradoiro de cinema comunitario que será impartido por Eloy Domínguez Serén coa temática do imaxinario da fronteira.

comentarios