O certame está organizado o Museo do Pobo Galego

‘A Portrait On The Search For Happiness’ e ‘El último de Arganeo’, gañadoras na XVII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

O xurado da XVII  edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego concedeulle o Premio MICE a Mellor Filme, dotado con 1000 euros e trofeo, A Portrait on the search for happiness, película sobre a minería de diamantes na Africa do Sur que consegue achegar a realidades invisibilizadas na maior parte das veces pero que nos mostran a fraxilidade da condición humana e do Mundo en que vivimos

El último de Arganeo
photo_camera O delegado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, entregando o premio á equipa de ‘El último de Arganeo’. (Foto: Nós Diario).

O filme gañador desta edición está dirixido polo alemán Benjamin Rost,quen  agradeceu o recoñecemento ao xurado e ao festival, e asegurou que “o premio é unha honra e unha sorpresa porque a película espertou un interese por un cinema localizado no outro lado do mundo, no sur de África.

O Premio MICE a Mellor Filme Galego foi para El último de Arganeo, por ser unha película de personaxe sobre un mozo pastor cun tema moi importante para os tempos actuais, permitindo a visibilización de modelos en período de extinción e creación de referentes identitarios de ligazón a lugares que tenden a ser esquecidos. O deputado de Cultura da Deputación de A Coruña, Xurxo Couto, asistiu ao acto no auditorio do Museo do Pobo e foi o encargado de entregar o premio, dotado con 800 euros e trofeo.

A Mención de Honra do Xurado foi para Pedra patria, de Maciá Florit, pola intensidade, porque extrapola un lugar persoal da migración que é un problema universal. Cine diarístico que ademais contén o tema de identidade nacional.

O xurado da sección oficial da XVII MICE está fomado  pola cinesta Adriana Pérez Villanueva; polo tamén cineasta e artista visual Vicente Vázquez, e por Humberto Martins, doutor en Antropoloxía Social e Antropoloxía Visual en Manchester e profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

Premio AGANTRO

O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu no filme francés Pour Votre Confort Et Votre Sécurité, de Frédéric Mainçon. Pola investigación etnográfica acerca da invisibilidade e do estereotipo das persoas racializadas nas sociedades europeas; polo uso da cámara como dispositivo para salientar a inmobilidade e o desgaste de quen vixía as salas dun museo.

A Mención de Honra do xurado AGANTRO foi para Room Without a View, da cineasta catalá Roser Corella, polo tema, pola historia arredor de formas de escravismo moderno e de violencia contra as mulleres en nome da ‘cultura’.

O Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para a película Paraíso, por ser un filme que mostra unha relacion sensorial e emotiva das persoas co seu lugar (La Kave), que rexeitan unha visión produtivista do bosque.

O Premio do Público foi para Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro. A súa película reconstrúe a vida de Vilagarcía de Arousa e dos seus habitantes a través de vellas películas que gardaba a veciñanza e que doaron á asociación O Faiado da Memoria.

Comentarios