O festival anuncia o seu programa

Play Doc: unha mirada diferente ao cinema

Despois dun ano difícil por mor da pandemia, o Play Doc de Tui rescata os sinais de identidade que o fan recoñecíbel desde a súa primeira edición: recuperación de clásicos esquecidos, atención a figuras do cinema máis heterodoxo, seguimento da actualidade internacional e acompañamento do cinema galego máis atrevido. O festival constitúe xa un piar fundamental da configuración do sistema cinematográfico galego, cun público fiel e unha mirada ben recoñecíbel que o sitúa na vangarda da creación fílmica. 
 
En Tui poderá verse unha retrospectiva dedicada a Manfred Kirchheimer.
photo_camera En Tui poderá verse unha retrospectiva dedicada a Manfred Kirchheimer.

O mundo do cinema galego vai máis alá dunha serie de filmes e de persoas que os dirixen. Existe tamén unha base sen a cal sería imposíbel crear unha cinematografía. O público é, sen dúbida, o principal activo que ten o cine realizado na Galiza. Mais tamén están os festivais, eses espazos onde o público e os cineastas se atopan para compartir miradas, opinións, inquietudes. 

"Creo que desde esa perspectiva os festivais fomos catalizadores de todo o talento que existía e que acabou conformando esa etiqueta de Novo Cinema Galego que nos fixo coñecidos e recoñecíbeis a nivel internacional", di o director do festival

O Play Doc de Tui ocupa un lugar de honra entre os responsábeis da eclosión de creatividade do cinema galego das dúas últimas décadas. O seu labor calado, mais constante e minucioso, propiciou a aparición dun público ávido de narrativas diferentes ás que nos ten afeito o cinema máis convencional das salas comerciais. 

Ángel Sánchez, un dos directores do Play Doc, cre que "o ecosistema dos festivais na Galiza case represen-ta ese país minifundista dotópico, mais é un minifundismo que se complementa. Non temos grandes festivais de alfombra vermella e glamour, mais si unha serie de festivais de dimensión media, espallados por toda a xeografía, que ocupan o seu lugar dunha maneira moi sincronizada. No noso caso, creo que nacemos nun momento de eclosión dunhas novas maneiras de facer cinema, hai algo máis dunha década, que comezou a ter unha identidade propia na súa narrativa e na súa forma de enfrontarse á produción fílmica. Creo que desde esa perspectiva os festivais fomos catalizadores de todo o talento que existía e que acabou conformando esa etiqueta de Novo Cinema Galego que nos fixo coñecidos e recoñecíbeis a nivel internacional. Cineastas e festivais retroalimentámonos e creo que, até certo punto, as redes que tecemos con outros festivais e outras instancias críticas contribuíron a impulsar ese cinema que agora é diverso e recoñecido en todo o mundo". E conclúe: "Iso tamén propiciou un certo sentido da comunidade que nos conciencia de que todos estamos remando na mesma dirección, afastándonos dese concepto máis vetusto do cinema que compite por unha maior recadación nas billeteiras". 

O papel de altofalante dun festival pode ser moi importante cando entra a formar parte dos circuítos que visitan as persoas que se dedican á crítica e á programación en eventos internacionais e Sánchez é moi consciente: "Nós sempre lles insistimos moito para que asistan as sesións de cinema galego, porque sabemos que aí pode estar a chave dunha maior proxección para a nosa cinematografía". 

Por outra banda, a dimensión reducida do festival permite que se cre unha atmosfera de comunidade que talvez sería imposíbel noutro lugar. " Probabelmente, cando un cineasta importante sae da proxección dunha das súas películas en Londres ou en París, está condenado a perderse entre a multitude. Nunha vila pequena como Tui, porén, ten a oportunidade de convivir e compartir esa experiencia non só co resto dos invitados, senón tamén co propio público da sesión. Se cadra compartindo unha caña e unha tapa con eles”.

A edición deste ano do Play Doc, que se desenvolverá do 22 ao 26 de setembro, retoma algúns dos sinais de identidade do festival, despois dun ano no que a pandemia obrigou a reformular moitas cousas relativas á seguridade, a capacidade das salas ou a mobilidade.

Sinais de identidade 

A edición deste ano do Play Doc, que se desenvolverá do 22 ao 26 de setembro, retoma algúns dos sinais de identidade do festival, despois dun ano no que a pandemia obrigou a reformular moitas cousas relativas á seguridade, a capacidade das salas ou a mobilidade. "Un deses sinais é a presenza internacional", apunta Sánchez. "A nosa fórmula sempre foi a de tomarlle o pulso a vangarda internacional na sección competitiva e combinar iso coa recuperación de figuras e obras que, por múltiples razóns, non son tan visíbeis agora como no foron no pasado, ou que realizaron un traballo importante que non foi suficientemente valorado no seu tempo". 

"Este ano", continúa, "rescatamos a figura de Manfred Kirchheimer –na que será a súa primeira retrospectiva internacional–, unha das grandes figuras do documentalismo e, ao tempo, unha das máis descoñecidas para o público. E tamén estará Bette Gordon –celebrada por traballos máis recentes como Handsome Harry (2009)– cunha retrospectiva dos traballos que fixo en-re os anos 1974 e 1983, unha década seminal para o cinema da contracultura neoiorquina e na que Gordon realizou un dos films máis importantes da década de 1980, Variety". 

Ademais, recuperánse dúas xoias esquecidas: Sepa: Nuestro Señor de los milagros (1987) e está dirixida polo suízo Walter Saxer, e Amerasia, a última película do singular realizador alemán Wolf Eckart Bühler, recentemente falecido, e a quen Play Doc dedicou unha pequena retrospectiva no 2019.

Por outra banda, o festival tamén deita unha mirada moi atenta sobre o cinema galego máis actual. "Con cineastas máis noveis e outros máis consagrados, tratamos de facer un resumo sobre as novidades que se van dando dentro da nosa cinematografía", aclara o director do Play Doc. Así, o público de Tui terá acceso aos últimos traballos de creadoras como Diana Toucedo, Xacio Baño, Eloy Domínguez Serén, Xisela Franco, Claudia Pineda ou Alberto gracia, entre outros. 

O Play Doc tamén ofrece unha panorámica sobre as creacións resultantes da revolución dixital, sobre artistas de recoñecido talento cuxas obras obras producen hibridacións fílmicas e videográficas onde a  performance ou a instalación cobran protagonismo

Outras linguaxes 

O Play Doc tamén ofrece unha panorámica sobre as creacións resultantes da revolución dixital, sobre artistas de recoñecido talento cuxas obras obras producen hibridacións fílmicas e videográficas onde a  performance ou a instalación cobran protagonismo. "Dentro das obrigas dun festival, queremos tocar esa transversalidade que xa é unha realidade dentro do mundo da creación" explica Sánchez. "Queremos dedicarlle atención tamén a esas outras narrativas audiovisuais que están en contacto con outros campos creativos e que se saen un pouco do que é ver unha película nunha sala fechada. Programamos uns roteiros que queren darlle voz a artistas do live cinema que, en moitas ocasións, non atopan o lugar para mostrar as súas creacións nun festival máis ortodoxo. Desta vez, propuxemos intervencións no espazo urbano condicionada a que as imaxes pertencesen a un arquivo fílmico dos veciños de Tui: é unha maneira de conectar a vila coa creación máis vangardista". 

O lugar da memoria e do dixital

O ámbito da memoria, que transita por toda a programación do Play Doc, vincula o festival co seu público. “Ese vínculo é moi important para nós" advirte Sánchez. “As características un tanto especiais de Tui, na fronteira entre a Galiza e Portugal, obrígannos a prestarlle unha atención especial á veciñanza: queremos que sexa protagonista. De aí que vinculemos os seus rexistros fílmicos á creación de vangarda –como no caso dos roteiros– e que organicemos obradoiros nos que os veciños e veciñas poden empregar as ferramentas fílmicas para retratar a comunidade onde habitan. É unha forma de conectar co público máis próximo, o que acolle o festival, o diálogo coa comunidade”. 

Outro dos obxectivos do festival é dar acceso á formación e a entender como se desenvolve a profesión. Os distintos obradoiros tratan diversos temas –desde un encontro entre diversas escolas de cinematografía até clases maxistrais con Walter Saxer– mais resulta de grande interese a mirada sobre as novas formas de ver cinema, sobre o cambio que supuxo a aparición das plataformas (e o propio Play Doc colabora con Filmin nunha extensión online do festival) e o cambio de hábitos que trouxeron consigo a pandemia e o confinamento. 

“A clave é o equilibrio", opina Ángel Sánchez. Non podemos negar as enormes posibilidades que dá o streaming de coñecer obras ás que doutra maneira non terías acceso. Mais a experiencia do cinema tamén é comunitaria, tamén hai que contar con esa maxia que se dá cando compartes co resto do público o visionado dun filme, de rir ou chorar con outros e de percibir a temperatura emocional da sala. Un festival de cinema é sobre todo a experiencia en sala, a experiencia en comunidade”, conclúe. 
 

Comentarios