O papel das filmotecas, tema central da xornada organizada polo Consello da Cultura Galega

O evento tivo lugar na segunda feira na cidade de Compostela e nel abordáronse cuestións como a conservación e a investigación de pezas audiovisuais.
(De esquerda a dereita) Sergio Lago, Dolores Vilavedra e Jose Manuel Sande. (Foto: Consello da Cultura Galega).
photo_camera (De esquerda a dereita) Sergio Lago, Dolores Vilavedra e Jose Manuel Sande. (Foto: Consello da Cultura Galega).

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu na segunda feira a xornada Filmotecas e patrimonio audiovisual na cal se reivindicou o papel "singular" das filmotecas e no que os participantes profundaron na súa importancia como centros que traballan con patrimonio audiovisual e onde a conservación e a investigación son actividades "centrais".

A xornada, desenvolta en Compostela e coordinada por Sergio Lago e José Manuel Sande, contou coa participación da xefa do Centro de Conservación e Restauración da Filmoteca de Catalunya, Mariona Bruzzo, e do director da Filmoteca Estatal, Josetxo Cerdán. Ambos destacaron como funcións principais das filmotecas a "programación, conservación, restauración, exhibición, alianzas institucionais e a formación de novos públicos".

Ademais, tamén coincidiron na importancia da parte patrimonial, sobre o que reflexionaron que as filmotecas non deben entenderse como "un repositorio" de produtos históricos, senón como un lugar de "investigación e conexión".

A situación das filmotecas

Pola súa parte, o coordinador e historiador José Manuel Sande fixo un percorrido pola situación das filmotecas no estado español. Neste sentido, sinalou que a maioría funcionan como "depósito de materiais" e apuntou que un tema pendente a abordar polas  filmotecas é a "durabilidade" dos formatos dixitais e a necesidade de optar por unha estratexia conxunta.

Segundo trasladou o Consello da Cultura Galega nun comunicado, a xornada contou tamén cunha sesión práctica na cal se proxectaron varios exemplos de pezas audiovisuais restauradas. Nesta sesión púidose ver a primeira película rodada en cor no Estado Pontevedra, berce de Colón, de Enrique Barreiro, restaurada pola Filmoteca Española coa colaboración da Filmoteca da Galiza.

"Salvagarda do patrimonio audiovisual"

Segundo o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca da Galiza), organismo dependente da Xunta, a misión principal das filmotecas é a "salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego". As súas principais funcións no ámbito audiovisual, de acordo co CGAI-Filmoteca da Galiza, son a "recuperación, a catalogación, a custodia e a difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego".

Comentarios