Play Doc propón un roteiro audiovisual nocturno por Tui

Play-Doc contará coa participación de seis vídeo artistas de recoñecido talento para transformar o espazo público.
Instalación de Roi Fernández en 2020.
photo_camera Instalación de Roi Fernández en 2020. (Foto: Play-Doc)

O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 22 ao 26 de setembro, presentará unha atractiva programación paralela para a súa décimo séptima edición.

Baixo o nome Cinema Percorridos II: Visións Nocturnas, Play-Doc aposta de novo por unha experiencia única onde o cinema transformará o espazo público e dialogará cos espectadores a través dun percorrido nocturno pola cidade monumental de Tui.

O festival volve sacar o cinema fóra das salas. Baseándose na idea de que as creacións audiovisuais funcionan de maneira moi diferente nun espazo público e aberto que na sala pechada dun cinema, o festival pretende provocar con esta ruta audiovisual unha interacción entre diferentes instalacións e os lugares onde son proxectadas.

Os participantes crearán instalacións audiovisuais e traballarán complementando o seu propio material cun banco de imaxes de arquivo proporcionado polo festival, que consiste nunha colección de cinema doméstico, filmado en super 8 polos habitantes de Tui nas décadas dos 60, 70 e 80.

Nesta edición Play-Doc contará coa participación de seis vídeo artistas de recoñecido talento. Juanjo Fernandez Rivero (Gnomalab) é un artista- tecnólogo do audiovisual expandido, vj, membro do grupo musical The Suicide of Western Culture e un dos creadores de videomapping máis coñecidos na escena internacional. O portugués João Beira é investigador e fundador do colectivo de artistas- codificadores Datagrama. 

A representación galega estará a cargo Juanma Lodo, artista multidisciplinar e músico experimental cunha gran actividade noutros campos como a fotografía, o cinema, o deseño gráfico ou a artes plásticas e multimedia. Igualmente ampla é a traxectoria da escenógrafa e iluminadora Montse Piñeiro, que nos seus traballos tamén experimenta coa fotografía, a escultura e as artes visuais, desenvolvendo a súa carreira no mundo da ilustración, a animación e a escultura.

Completan o grupo os coruñeses do Colectivo AA++ formado por Ana Domínguez e Ángel Rueda, que desenvolve a súa obra a través da investigación e representación en vivo das tecnoloxías óptico mecánicas do cinema, explorando as posibilidades creativas da proxección cinematográfica e a súa percepción sensorial. Na actualidade codirixen o (S8) Mostra Internacional de Cinema  Periférico da Coruña.

Cinema Percorridos II: Visións Nocturnas é un evento único e orixinal producido en exclusiva por Play-Doc que expón unha exploración polos novos camiños polos que discorre a creación audiovisual contemporánea.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios